É o decano da política miñorana. Non polos seus 57 anos de idade senón polos 21 que leva formando parte da Corporación municipal de Gondomar, sempre cun papel protagonista no ámbito do urbanismo. Apoiou, como voceiro do BNG, o Plan Xeral impulsado polo PP en 1997. Aquel que contribuiu ao desenvolvemento do municipio e que foi anulado polo Supremo en 2005, a raíz dun recurso do PSOE, deixando aos veciños na inseguridade xurídica ata hoxe. Foi elexido alcalde do Bloque en minoría en 2007, un ano despois dos graves episodios de corrupción que rodearon a tramitación dun novo documento por parte dos populares, e desaloxado do cargo tras a polémica moción decensura de 2009. Voltou ao goberno á cabeza de Manifesto Miñor trala coalición co PSOE e con CABE en xullo de 2015, aínda que esta última forza rachou o pacto hai dez meses e deixou as outras dúas en minoría. Como tenente de alcalde e concelleiro de Urbanismo agarda deixar resolto un novo PXOM neste mandato, cun ollo posto xa na súa retirada da actividade municipal. Pechado o prazo de exposición pública do borrador, as 407 suxestións presentadas por cidadáns e colectivos transmítenlle boas sensacións.

-Houbo tantos intentos de aprobar un Plan Xeral como alcaldes en Gondomar nestes últimos once anos. Poden esperar algo novo os veciños agora?

-Por suposto. Nós abrímolo á cidadanía, provocamos a participación veciñal. Presentáronse 407 suxestións ao borrador, a web municipal rexistra máis de 12.000 consultas e máis de 800 persoas participaron nas asembleas veciñais deste verán. O plan ou é cousa de todos ou non é.

-E agora que?

-Agora o equipo redactor analizará as suxestións, que son cuestións de sentido común, nada de urbanizacións nin especulacións doutras épocas. Logo chegará o debate político, no que participarán tamén os colectivos, na vindeira primavera, espero. Despois remitiremos o documento á Xunta para que o informe, trataremos de aprobalo inicialmente e expoñelo outros dous meses.

-Espera aprobalo de forma definitiva neste mandato?

-Tempo hai, pero iso non só depende de nós. Desde logo, se aprobamos o PXOM neste mandato pódome retirar da política coa sensación do deber cumprido. Eu vou poñer todo da miña parte para conseguilo.

-Pensa en retirarse en 2019?

-É algo que me gustaría, si, aínda que iso nunca se sabe ata que chega o momento. Agora a prioridade é o Plan Xeral.

-Pero gobernan en minoría. Se a oposición non quere, non se aproba.

-Iso obríganos a engadir un plus de esforzo nas negociacións cos grupos municipais. Son consciente da situación política, pero tamén optimista. Quen vai impulsar a aprobación do PXOM é a cidadanía, o que se desvincule diso terao que xustificar.

-Tamén se teñen que poñer dacordo os dous grupos de goberno.

-No tocante ao PXOM, estamos dacordo en todo.

-Só no tocante ao PXOM?

-Temos unha relación correcta co PSOE. Temos liberdade de xestión e resolvemos as diferencias falando, coma calquera goberno tripartito, bipartito ou monocolor. Logo cada un tén a súa forma de actuar diante dos veciños.

-Non está dacordo en como o fai o o grupo socialista co alcalde, Francisco Ferreira, á cabeza?

-Eu defendo a relación directa coa veciñanza, cara a cara. O abuso do Facebook ou a sobreexposición mediática poden acabar frivolizando os problemas da xente, ou mesmo fabricando realidades que non existen. Que a idea dun político sexa vendida nas redes socias e reciba mil "me gusta", por exemplo, nin a fai mellor nin quere dicir que xa estea executada.

-Como é a situación urbanística de Gondomar despois de once anos sen PXOM?

-Imos resolvendo problemas. Damos licencias segundo as normas subsidiarias de 1991 e temos só vinte pendentes de obra maior. E estamos delimitando nove núcleos rurais, que nos permitirán evitar situacións límite coma os sete derribos de vivendas legalizables ordenados pola Xunta. A situación é precaria, por iso precisamos o PXOM canto antes.

-Que outros proxectos tén para estes dous anos e medio que quedan de mandato?

-Na área de Medio Ambiente, retomamos o paseo fluvial polo río Miñor e implantaremos os composteiros urbanos en breve. A vivenda é outra cuestión prioritaria. Fomos dos primeiros concellos galegos en adherirnos ao programa de vivendas baleiras de alugueiro social da Xunta e xestionamos a incorporación de dez fogares a esa bolsa con propietarios e inmobiliarias. No apartado de Patrimonio, acabamos de rehabilitar a ponte do Seixidal, traballamos na recuperación dun muíño en Vincios, na ponte románica de Mañufe ou na das Ánimas, ademais da restauración do cruceiro de Mañufe.