O escritor, membro fundador das Irmandades da Fala e integrante da Real Academia Galega Victoriano Taibo xa é fillo adoptivo de Gondomar. A Corporación municipal aprobou no pleno de onte outorgarlle o título por unanimidade, a petición do Instituto de Estudos Miñoráns (IEM). Todos os grupos votaron a prol deste recoñecemento dunha figura da literatura galega tan vinculada ao municipio, dado que foi mestre na parroquia de Morgadáns ao longo de vinte anos, entre 1930 e 1950, a súa etapa máis prolífica.

O alcalde, Francisco Ferreira, deu por saldada a débeda de Gondomar con Taibo, ao que calificou de "embaixador da cultura local", mentres que o tenente de alcalde, Antonio Araúxo, amosouse satisfeito polo acordo e reivindicou un Día das Letras Galegas na súa honra "con Gondomar como centro da cultura galega ao longo dun ano enteiro".

Victoriano Taibo dalle nome ao prestixioso premio de poesía que organiza o IEM e que cumpre este ano a súa novena edición. O autor Xosé Iglesias gañou nesta ocasión o certame co poemario "A relixión do mar" e recollerá o premio na gala que se celebrará o vindeiro día 10 de decembro, sábado, no auditorio municipal Lois Tobío ás 19.30 horas.