Estamos afeitos a ver nos últimos días estilos ben distintos de óbitos de persoeiros insignes. Con máis ou menos acerto cada un intenta lembrar a quen ten partido deste mundo para continuar a peregrinación ao amor entrañable do Pai Bo.

Na véspera da celebración do patrón de Cedeira, Santo André, partiu para a casa do Pai, Waldo García Romero, quen viñera ser durante moitos anos o seu párroco, compartindo esta tarefa coa da parroquia de Trasmañó. Retirado das tarefas pastorais pasou os últimos anos na residencia sacerdotal.

Waldo descubrira a súa vocación no ámbito laboral e xuvenil. Formado como perito industrial exerceu o seu traballo na "Caja de Ahorros Municipal de Vigo y Monte de Piedad", pero o seu corazón abriuse ao mundo, especialmente á misión sendo membro de Acción Católica, no que foi o seu presidente da sección da mocidade. Xunto con algún xove máis da diocese formouse na Congregación do Espírito Santo, máis coñecida como Espiritanos. A súa formación foi en Portugal e Roma, asemade da súa facilidade para os idiomas, que estaba moi presente na súa biblioteca, especializada na temática de antropoloxía cultural e relixiosa, do que despois foi o noso mestre no seminario. Unha vida centrada na misión que o levou polo continente africano. Moitas das súas conversas e non poucas historias eran deste tempo, como canto tivo que deixar a súa afición como prestidixitador por crer que eran cousa de feiticeiro. Estes anos marcaron o seu talante, aberto e universal á comprensión das diversas formas de pensar. Tamén infundiron un concepto que se fixo esencial no seu labor como párroco, que non era só unha teima, o feito da inculturación da fe e que se concretaba no uso da lingua galega na liturxia e nos diversos eidos da vida eclesial e civil.

Na congregación á volta de África foi responsable da formación, e, en verbas do Irmán Xabier que era administrador naquela época, realizou unha basta labor. No noviciado de Aranda traballou a reo compaxinando cos xoves o estudio e a edificación do centro. Deixa a congregación sendo provincial e vindo para Valeixe, A Cañiza, cunha experiencia formativa de mozos para ir a misións. Pero os seus soños quedaron truncados, como outros que expresaba, porque iso si, era ben soñador de tempos ben distintos. Asumiu as tarefas pastorais propias do sacerdote diocesano, sendo nomeado primeiro para a parroquia de Santa Cristina de Valeixe, e posteriormente nas de Trasmañó e Cedeira en Redondela. Compaxinou o traballo parroquial coa docencia en institutos e no Seminario Maior.

Da súa man entrei no seminario e vin cumpridos os meus soños de cativo. Foi bo acompañante e conselleiro. Sendo seminarista maior participei na vida pastoral da parroquia, xunto a relixiosa Petronila, quen seguía dando as catequeses de comuñón despois de moitos anos. Xunto a Waldo e outros sacerdotes algúns de nós fomos incorporados ao equipo de "Badal", unha publicación de achegamento do uso do galego na liturxia. Este equipo tamén nos acompañaron no noso camiño de formación e festexaron connosco cada un dos pasos da nosa andaina cara ás Sagradas Órdenes. No comezo do meu ministerio fíxome partícipe de presidir as Misas en Galego da igrexa dos Apóstolos e que se emite en Radio Ecca. Logo o Señor foinos levando por diversos vieiros, pero o que un aprende na infancia permanece, e hoxe, no pasamento deste sacerdote so podo dar grazas a Deus. O Señor válese de moitos medios para amosarnos camiños, unhas veces un pouco retortos, pero que nos falan do Reino do Señor, no que triunfan definitivamente a xustiza e o amor.

Non hai moitas semanas atopei con el e, aínda que non me recoñecía pola súa enfermidade, os seus ollos claros desprendían a ledicia de ser un home feliz e o seu sorriso falaba a ausencia das preocupacións da vida que tanto atrapan a xente. Ese sorriso fíxome dar grazas a Deus por el, e hoxe doullas convosco.

Bo amigo, Waldo, graciñas