Só unha de cada mil lápidas e únicamente un dous por cento das necrolóxicas publicadas nos xornais están escritas en galego. Son os datos que manexa a técnica de normalización lingüística do Concello de Nigrán, Estela Suárez Recouso, inmersa nun proxecto de promoción do uso do idioma á hora de morrer, que reparte os epitafios e recordatorios máis comúns entre os negocios locais relacionados co pasamento: florerías, marmorerías ou axencias de seguros.

A iniciativa pretende visibilizar a lingua galega nun ámbito no que "só unha minoría consciente a utiliza nos seus actos fúnebres, a pesares de que o 66,11% dos maiores de 65 anos a usan exclusivamente para comunicarse", explica. "Moitas veces, cando falece un ser querido e desexamos lembralo en galego, atopamos erros ortográficos nas esquelas ou nas coroas. Con esta recompilación queremos ofrecerlle aos negocios un modelo sen fallos que lles sirva para orientar aos seus clientes, que normalmente só atopan as opcións de texto para elexir en castelán".

A idea enmárcase na celebración do Día da Restauración da Memoria Lingüística de Galicia, impulsada pola Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística, á que Nigrán se sumou por primeira vez o ano pasado coa tradución da lápida do mestre Vázquez Grela e cun acto no que os veciños puideron deixar constancia ante notario da súa vontade de usar o galego nas honras fúnebres. Este ano, o Concello vai máis alá e traduciu tamén o letreiro do camposanto do Ceán.