Naceu hai tan só oito anos pero o único coro tradicional miñorán xa é todo un referente cultural en Galicia. "Cantares do Brión revive o espírito das Irmandades da Fala", defende Marcos Martínez Gómez, autor dun traballo fin de grao en Musicoloxía que enmarca a actividade da agrupación con base en Vincios nunha corrente de rexurdimento dos coros galegos no século XXI que segue os pasos daquelas formacións impulsadas hai cen anos polo movemento galeguista da época.

Veciño da mesma parroquia de Gondomar na que Cantares do Brión desenvolve a súa actividade e músico da banda da contorna, este estudante de 24 anos presentou onte a súa investigación ante o tribunal do Conservatorio Superior de Música de Vigo. Fíxoo na compaña do profesor que o guiou no traballo, Javier Jurado, e dalgúns membros do propio coro tradicional, "moi satisfeitos por ser obxecto de atención das novas xeracións de profesionais da música".

Non só a proximidade territorial e o gusto persoal pola música tradicional empurraron a Marcos a indagar na actividade de Cantares do Brión, senón tamén as súas similitudes cos coros galegos dos inicios do século pasado. "Cando se creou, cumpríanse cen anos daquel movemento que revolucionou a música galega a partires da fundación no 1883 de Aires da Terra, pai dos históricos e aínda activos Toxos e Froles de Ferrol, Cántigas da Terra da Coruña, Cantigas e Agarimos de Santiago ou Ruada de Ourense. Cantares do Brión comparte a súa actividade multidisciplinar, con seccións de danza e de teatro, e a difusión cultural coa organización de eventos como o festival Cantares do Miñor ou a romaría da Touba do Brión. E tamén centra esforzos na defensa do idioma e da cultura galegas",explica.

Iso sí, o coro miñorán introduce innovacións no vestiario e no repertorio. Estuda e divulga o traxe tradicional e interpreta temas da tradición, pero tamén composicións actuais coma as de Ses ou as de Baldomero Iglesias do Barro. Adapta a esencia dos coros tradicionais ao século XXI e convive con outros grupos tamén xurdidos nos últimos anos coma o Orfeón Mariñeiro do Berbés, Aires de Bergantiños ou o coro Aimil. Todos eles, segundo Marcos Martínez, integrados nunha "segunda xeración de coros galegos" que podería considerarse xa consolidada.