O escritor e mestre Victoriano Taibo, membro fundador das Irmandades da Fala e integrante da Real Academia Galega, será fillo adoptivo de Gondomar a título póstumo nos vindeiros meses. O goberno municipal iniciará os trámites para nomealo a petición do Instituto de Estudos Miñoráns (IEM), tras anos de traballo na difusión da súa figura e da súa vinculación co municipio, dado que impartiu clases na parroquia de Morgadáns entre 1930 e 1950, a súa etapa máis prolífica.

O autor que lle da nome ao prestixioso premio de poesía organizado polo IEM, que cumpre este ano a súa novena edición con centos de obras e de poetas participantes ao longo da súa traxectoria, será recoñecido por parte do Concello cun título que ata o de agora só ostenta Lois Tobío -diplomático, escritor e investigador da figura do conde de Gondomar-, ao que está adicado tamén o auditorio municipal.

O alcalde, Francisco Ferreira, proporá iniciar os trámites para proclamar a Taibo fillo adoptivo de Gondomar na vindeira xunta de voceiros da Corporación municipal, prevista este venres, segundo anunciou onte. O rexedor confía en acadar o respaldo de todos os grupos para "outorgarlle a este gran embaixador da cultura gondomareña a homenaxe que merece" e para "contar cun reforzo máis á hora de solicitar un Día das Letras Galegas na súa honra", unha meta que o IEM persegue desde hai anos.

O alcalde reunirase hoxe mesmo cos dirixentes desta entidade cultural para tratar a organización conxunta da gala de entrega do Premio de Poesía Victoriano Taibo, que recollerá Xosé Iglesias polo poemario "A relixión do mar", e para afondar nos detalles do nomeamento, que lle solicitaron recentemente por escrito.

O texto resume a biografía do escritor, nado en 1885 en Santiago, cidade na que estudou Maxisterio e na que se comprometeu co movemento galeguista e coa fundación das Irmandades da Fala. Participou activamente no ambiente cultural galego da época e na defensa do idioma, que utilizou maioritariamente na súa obra e que estudou para elaborar un pequeno tratado de lingüística. Ingresou na Real Academia Galega en 1948 co discurso titulado "Rosalía de Castro, precursora da fala", respondido por Otero Pedrayo.

Querido e respectado

A súa profesión levouno a Morgadáns, onde participou na vida parroquial e municipal. "Vivía coma un veciño máis, querido por todos e incardinado na vida social do lugar, e foi moi querido e respectado por todos, en especial por aqueles que acudiron á súa escola", salienta o IEM, que lembra ademais o cariño que lle tiña ao lugar, chegando a publicar diversos artigos, coma o titulado "Gondomar y su primer conde" neste xornal en 1949.

Amais da obra espallada en diversas publicacións, viu editados tres títulos da súa autoría: "Abrente, versos galegos", "Da vella roseira, cántigas orixinás" e "Da agra aberta". O IEM rescatou e publicou recentemente "Abicedo e Cabrinfollas", "Lembranza da Tecedeira" e "Contos pequenos".