O Concello de Nigrán disporá do primeiro servizo municipal de normalización lingüística da súa historia este ano co obxectivo de facer do galego un vehículo de comunicación común no consistorio. O departamento contará cun técnico que será contratado grazas a unha subvención de 7.440 euros da Deputación de Pontevedra.

O prazo de de solicitudes para concorrer á nova praza laboral de asesoramento comeza hoxe e remata o 3 de agosto. A duración do contrato será de 12 meses cunha xornada de 16,5 horas á semana. As bases están ao dispor dos interesados no departamento de Desenvolvemento Local, no de Información e tamén na web municipal.

"Como entidade pública temos un compromiso total coa promoción e o uso correcto e xeralizado do galego nas nosas comunicacións. Por iso é moi importante para nós este novo servizo", salienta o alcalde, Juan González.