A madrugada do domingo 28 de febreiro de 2016 levou da nosa presenza ao noso querido Xosé Gundín, un tudense de adopción e galego universal, bo e xeneroso como poucos. Foi un home cen por cen honesto, respectuoso cos demais e respectado por todos, incluídos os seus adversarios.

Durante a súa vida demostrou ser unha persoa insubornable cos valores de xustiza social, democrática e medioambiental. Capitán da Marina Mercante, todos lembramos con ledicia a súa chegada á Tui con Ágatha, na parroquia de Pexegueiro, durante a década dos anos 80 e os seus pioneiros cultivos ecolóxicos, un exemplo a seguir en Galicia. Exerceu na política como concelleiro en Tui por Esquerda Galega, entre os anos 1991-1995, e polo BNG nos anos 1995-1998. Mantivo loitas como a defensa dun Centro de Saúde digno para Tui; do río Furnia; da cidadanía tudense fronte aos abusos da corrupción; e como presidente e fundador da Asociación Social e Cultural "Arcebispo Lago" no ano 1995 coa restauración de retablos la igrexa de Pexegueiro.

Querido Gundín, a túa memoria e o teu legado vital é un exemplo que dignifica a condición humana.

Con afecto e agarimo infinito, para sempre Gundín!!

(*) Amigo e avogado