O público salcediense acolleu con agarimo o agardado e derradeiro traballo discográfico do grupo de música tradicional Donicelas. No Auditorio de Salceda de Caselas estouparon aplausos adicados ós compoñentes: Andrea Rodríguez (voz, pandeireta, cunchas e triángulo); Bea Pérez (voz, cunchas e tamboril); Noelia Martínez (voz pandeireta, cunchas, triángulo, claves e bombo), Rosa González (voz, pandeiro, cunchas, tamboril e bombo); Víctor González (voz e acordeón); e Xesús Díaz (voz, cunchas, whistle e gaita).

A complicidade dos asistentes cos artistas foi extensiva ós colaboradores, que tamén actuaron, como Tere Pérez (concelleira de Cultura), Isabel Troncoso, Olaia, Isaac Millán e a amiga do grupo, Miriam.

X. M. Xespi, autor do prólogo do disco, actuou como presentador da gala que incluíu o baile a cargo de Carmen Mª Martínez e Jorge Sobrino, do grupo Inquedanzas de Pazos de Reis.

A primeira peza de Donicelas foi unha xota, e a do remate foi "O Merlo" , ámbalas dúas do traballo discográfico que inclúe unha canción moi demandada: "A flor da morta", aportación de Uxía Senlle, unha das artistas que colaboraron na elaboración de este segundo disco, como Paulo Nogueira, membro de Treixadura e compositor da peza "Donicelas" coa que agasallou ó grupo cando cumplíu os seus 20 anos de vida.

Tamén colaboraron Isaac Millán, Miriam Lorenzo e antigos membros como Xosé L. Sanromán, Xulio Lorenzo, Isa Troncoso, Tere Pérez e Olaia Alonso. "Orgullo e satisfacción" son palabras que xurdiron nesta presentación artística por parte dos membros do grupo musical de longa traxectoria, creado no colexio Altamira no ano 1992, nun obradoiro de música tradicional de Antón López.