VAL MIÑOR

Nigrán honra o seu mestre de mestres

O Concello muda a lápida de José Vázquez Grela por unha en galego no cemiterio do Ceán, nunha cita coa memoria histórica e lingüística para impulsar o uso do idioma nos actos fúnebres

23.10.2015 | 02:10
José Vázquez Grela e a súa dona, Josefa Iglesias Docampo. // Arquivo familiar

Foi un home comprometido co ensino e coa política. José Vázquez Grela quixo alfabetizar a todos os rapaces de Nigrán e mesmo ofreceu formación a outros mestres da contorna. Organizou o mitin a prol do Estatuto coa intervención de Castelao nas Angustias. A chegada da guerra fíxolle disfrazarse ideolóxicamente ante as novas autoridades locais para escapar da morte. Non o conseguiu. Un grupo de falanxistas sacárono da aula e matárono a tiros polas costas o 12 de setembro do 36.

"Fórono buscar á escola, estaba cos rapaces e deixáronlle terminar a clase. Despois levárono xunto do cemiterio e pola espalda pegáronlle catro tiros". É o terrible testemuño dun dos alumnos, todos mortos xa, de José Vázquez Grela, o mestre da Escuela Nacional de Niños de Nigrán, asasinado o 12 de setembro de 1936 a mans de falanxistas pola súa ideoloxía republicana de esquerdas. Recólleo o libro "Nigrán. Memoria dunha guerra 1936-1939", que o historiador e actual alcalde, Juan González, publicou en 1998 e reeditou o ano pasado. Aquelas balas acabaron coa vida dun home comprometido política e socialmente, ao que o Concello honra mañá sábado no cemiterio do Ceán. Será un reencontro coa memoria histórica, que dará inicio a unha serie de actos que o goberno municipal pretende organizar o ano que vén, coincidindo co oitenta aniversario do inicio da guerra civil. Pero tamén unha mostra da restauración da memoria lingüística, no que se descubrirá a súa nova lápida, traducida ao galego co consentimento da familia.

Os descendentes de Vázquez Grela serán testemuñas da homenaxe dos seus veciños ao que foi mestre de mestres. Como apunta o rexedor, "quixo levar o ensino a todos os recunchos do municipio e lograr a alfabetización universal como primeiro paso cara unha sociedade máis xusta". Pero o seu traballo non se limitada aos cativos, tamén contribuía formando aos demáis profesores da comarca e colaboraba en actos culturais coa súa biblioteca.

O seu carácter, apreciado pola veciñanza, levábao a ofrecerlles axuda a todos desde que chegou a Nigrán, en 1932. Era orixinario de Ames, no concello coruñés de Padrón, e emigrara a Bos Aires con 12 anos, onde traballou como panadeiro. Alí coñeceu a súa dona, Josefa Iglesias, coa que tivo seis fillos. Despois duns anos en Cuba, volveu a Galicia e aprobou as oposicións de mestre nacional. Despois de dar clases en varias poboacións, acabou os seus días en Nigrán.

Castelao na vila

Na escola fixo propios os principios do ensino republicano e no ámbito político tamén amosou moita actividade. Mesmo foi un dos organizadores do mitin a favor do Estatuto de Autonomía que se desenvolveu en xuño do 36 nas Angustias, onde sería axustizado pouco despois. Unha xuntanza que contou coa presenza e o discurso do máximo expoñente do galeguismo, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.

Pero o levantamento militar fixo que trocara, en apariencia, a súa ideoloxía para salvar a vida. Achegouse ao novo réxime e á igrexa. Ata o punto de escribirlle en varias ocasións á nova comisión xestora do Concello para darlle a benvida, informar das súas doazóns de ouro e diñeiro para a causa nacional e a Falange, ou para propor engalanar as fachadas nas festas patrióticas.

Non lle serviu de nada. Case dous meses despois de comezar a guerra, un garda civil e tres falanxistas irrumpían na súa aula e levábano coa bata de mestre posta. A mesma que vestía horas despois o seu cadáver deitado nunha cuneta, envolto nun regueiro de sangue. Os represores metérano nun coche camiño das Angustias e fixéranlle baixar coa excusa de ir ver ao cura. Cando botou a andar dispararon. Os tiros escoitáronse desde a escola. Tiña 50 anos.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

Calendario laboral y escolar 2016/2017

Calendario laboral 2017 en Galicia

Calendario Laboral 2017 en Galicia

Aquí tienes a tú disposición todos los días festivos en  Vigo y en Galicia , así como el Calendario escolar 2016/2017 .

 

 

Enlaces recomendados: Premios Cine