Unha figura da literatura galega universal que aínda non acadou o recoñecemento que merece a cualidade da súa obra. Victoriano Taibo adicou boa parte da súa vida á poesía e ao estudio do idioma no século XX. Publicou poemarios e artigos de prensa, foi membro da Real Academia e das Irmandades da Fala, ademáis dun férreo defensor da lingua e do galeguismo. Pero poucas veces aparece o seu nome nos libros de texto. Aínda que naceu en Santiago en 1885 e finou en Vigo en 1966, o autor débelle a Gondomar a aínda escasa divulgación do seu legado cultural. Por iso a súa familia decidiu confiarlle ao Instituto de Estudos Miñoranos (IEM) o coidado de toda a documentación que reuniu ao longo da súa traxectoria vital.

"Entregámoslle os documentos ás persoas que mellor os van custodiar e difundir. Deben estar aquí porque o IEM fixo un gran traballo e estamos seguros de que ninguén os vai tratar con máis cariño". Con estas palabras de agradecemento explicaban Gloria Taibo Rebollar e Francisco e Rubén Taibo Rodríguez -filla e netos do escritor- a decisión de deixar en mans da entidade cultural miñorana a colección que gardaban en Vigo. Facíano o venres, pouco despois de firmar un convenio co seu director, Carlos Méixome, na aula de cultura Ponte de Rosas de Gondomar. O director da sección de lingua e literatura do IEM, Miguel Anxo Mouriño, foi testemuña do "acto histórico".

Un acordo que supón unha "gran responsabilidade" por parte do colectivo, que leva máis de seis anos traballando na propagación da relevancia de Taibo no ámbito cultural e político galego.

Son centos os papeis deste conxunto que ocupará un lugar destacado na biblioteca do IEM. Estudos de léxico, coleccións de vocabulario galego que o poeta que exerceu como mestre dezaseis anos na parroquia de Morgadáns recolleu en diversos puntos da xeografía galega, orixinais manuscritos de obras publicadas e inéditas, recortes de prensa de artigos que publicou e revistas e xornais de Galicia e América -FARO DE VIGO entre eles-, e mesmo cartas que cruzou con persoeiros ben coñecidos da literatura como Manuel Antonio, Álvarez Blázquez, Neira Vilas ou Bouza Brey.

"Unha xoia literaria"

En definitiva, trátase "dunha xoia da literatura galega que temos que protexer con toda a nosa dedicación", segundo salientaba Méixome perante a familia de Taibo. Non só se encargará o IEM da conservación e do estudio polo miúdo dos textos aínda descoñecidos, senón que tamén favorecerá as visitas e, por suposto, as consultas dos expertos. A colección "está xerando unha expectativa moi importante entre os investigadores", asegurou o director da entidade miñorana. "Levo anos recibindo chamadas de estudantes de filoloxía e alumnos de doutoramento preguntando pola documentación", dixo.

A escolma de escritos será unha fonte de información para todos eles, pero tamén un novo pretexto "para reivindicar a figura de Taibo e a celebración dun Día das Letras Galegas na súa honra", reiterou Méixome. O IEM leva anos solicitando esta homenaxe, ademáis de publicar algunhas das súas obras, de divulgar a súa pegada e de crear, xunto coa Entidade Local de Morgadáns o Premio de Poesía Victoriano Taibo, que acaba de cumprir a súa sétima edición coa participación de ducias de poetas galegos.