A comarca miñorana conta cunha nova agrupación musical única no seu estilo no entorno. O coro tradicional Cantares do Brión naceu esta semana en Vincios coa intención de "cultivar, divulgar e restituir o canto e a música tradicional de Galicia". Os seus máis de sesenta membros tratarán de investigar e empregr o traxe tradicional galego, ademais de desenvolver todas as súas actividades no idioma galego.

O coro xa ofreceu dúas actuacións en público, pero espera facer a asúa estrea oficial o vindeiro verán, no momento en que xa teña confeccionada a vestimenta adecuada ao seu estilo musical.

A asemblea constitutiva do grupo produciuse o pasado domingo no centro cultural de Vincios,á que asistiron os seus membros, de distintas idades e procedencias xeográficas, que se distribúen en catro cordas (soprano, contralto, tenor e baixo). A coral xa dispón dun amplo repertorio de pezas tradicionais, entre as que destacan as pandeiradas, as foliadas, os maneos e as muiñeiras. Ademáis das voces, no coro tamén se empregan diversos instrumentos musicais propios da tradición galega, como son o a gaita, o tamboril, o bombo, a pandeireta e as cunchas.

A reunión serviu para elexir a Pablo Rial, veciño de Vincios e membro do recoñecido grupo Os Carunchos, como director musical da agrupación, un papel que xa viña desempeñando desde os primeiros ensaios, en decembro de 2008. O músico posúe un amplo coñecemento e experiencia no ámbito da música tradicional galega en xeral e no canto coral en particular.