|
|
|
HEMEROTECA » |
|
EVA GONZÁLEZ - SALCEDA DE CASELAS Marcos Besada Pérez, o primeiro alcalde nacionalista que goberna no Concello de Salceda de Caselas, describe a labor de cambio que está a facer con traballo e imaxinación, coincidindo coa maior crise económica das últimas décadas. Avanza que a posta en marcha da Estación Depuradora de Guillarei será “a gran noticia dos últimos anos na comarca”, un feito polo que “os alcaldes e a Xunta demostramos que xuntos podemos pornos a traballar e solucionar a contaminación dos ríos Miño, Louro e Caselas”, independentemente da cor política.
–A palabra “cambio” se asocia a Salceda desde o momento no que as urnas lle deron o goberno. ¿A día de hoxe sinte o apoio e calor da xente, ou prima a sensación de soidade?
–O gran cambio, para min, foi que por primeira vez o Concello está aberto á xente, cun goberno caracterizado polo diálogo permanente cos veciños e veciñas. Polo consenso e negociación constante e polo respeto, os cidadáns son hoxe máis libres. A equipa de goberno a forman unha serie de persoas capacitadas e responsables. Sinceramente, sinto a calor dos cidadáns de Salceda ainda que non sempre chove a gusto de todos.
–As novas formas de facer política, se trasladan tamén á estética urbana. ¿Qué obras son polas que se lembrará ó seu goberno?
–Estamos a poñer en marcha a “nova Salceda”. Unha vila máis habitable na que primen as zonas verdes e amplos espazos públicos, e unhas parroquias dotadas de servizos básicos para facilitar a vida nelas. Salceda é o Concello que máis ten medrado demográficamente nos últimos anos, cunha alta taxa de natalidade. Estamos volcados en satisfacer as necesidades que non só son grandes obras, senón temas importantes como a atención á infancia, a discapacitados, a maiores, etc. A galescola, a Casa da Cultura, a nova Escola de Música, as novas redes de saneamento, os novos paseos polo río Caselas, etc., son obras importantes. E non estou aquí para lembranzas, senón para traballar e conseguir máis inversións e proxectos.
–É unha persoa realista e unha das súas preocupacións é conseguir servizos. ¿Hai algún compromiso económico da Xunta para axuda en saneamentos e abastecementos de augas?
–A mellora do abastecemento a Salceda dende O Porriño, incluida nos orzamentos da Xunta, é a obra primordial para garantir o subministro de auga ó centro da vila nos próximos anos, unha consignación para o 2010 de un millón de euros. Seguiremos pelexando para que a Xunta execute os seus compromisos en saneamento que ascenden a 3 millóns de euros nas parroquias de Budiño, Soutelo e Entenza. Esta inversión é imprescindble para facer fronte ós custes que ten que asumir Salceda no Consorcio xestor da Depuradora de Guillarei. .
–¿Está satisfeito cos pasos dados na posta en marcha da Depuradora de Guillarei?
–A súa apertura vai ser, sen dúbida, a gran noticia na comarca dos últimos anos. Os alcaldes e a Xunta demostramos que xuntos podemos, independentemente da cor política, poñernos a traballar e solucionar o maior problema medioambiental deste país: a contaminación do río Miño, do río Louro e do Caselas. No ano 2008 marcouse un libro de ruta para a súa posta en marcha, e está a piques de remate.
–¿En qué beneficia o Plan E ó pobo de Salceda?
–Levamos investido en quince proxectos distintos 1.360.000 euros. É a maior inversión da historia en Salceda. Serviu para crear numerosos postos de traballo e demos a oportunidade a moitas pequenas empresas do concello para que, por primeira vez, puidesen facer obra pública e descubrir as posibilidades de traballo nestes intres de crise económica.
–Nestes tempos, ¿cómo están as contas do Concello que tiñan débedas desde hai anos?
–Dada a sua situación financeira nos vimos obrigados a acometer con urxencia un plan de saneamento que reorienta o gasto e cumple o obxectivo fundamental para que todos os veciños e veciñas paguen as tasas e impostos que lles corresponden. Estamos a cambiar o Concello coincidindo coa maior crise económica das últimas décadas e o facemos, básicamente, con traballo e imaxinación, aproveitanto ó máximo os recursos de Salceda.
–¿Cómo é a relación da Deputación Provincial co Concello?
–A Deputación está discriminando ós cidadáns por razóns exclusivamente políticas. Somos o único Concello da provincia que non recibiu da Deputación un campo de fútbol de herba artificial, nin parques infantis. Ten sin rematar estradas da súa competencia, como a que une Picoña con Salceda.
|
|
| CONÓZCANOS: CONTACTO | FARO DE VIGO | LOCALIZACIÓN Y DELEGACIONES | CLUB FARO DE VIGO | ACERCA DE ED. GALEGO | PUBLICIDAD: TARIFAS | CONTRATAR |
|
|
||||||||