O asentamento do cabalo de pura raza galega nos montes comunais, concretamente no sur da provincia de Pontevedra, é unha das particularidades do patrimonio inmaterial do país única no mundo. O Museo do Pobo Galego, en Santiago, quere dar a coñecer as súas singularidades e, por iso, inaugura hoxe ás 19.00 horas a exposición do proxecto "Ceibes no monte" que desenvolveu a comunidade escolar do IES Terra de Turonio de Gondomar o pasado curso. O estudio, que afonda en todos os aspectos da vida das 3.000 "burras" localizadas nos espazos comunais da chamada Terra de Turonio –que abrangue o territorio entre as serras da Groba, do Suído e da Paradanta–, foi premiado hai uns meses pola sala etnográfica da capital galega que agora o amosa.

Os visitantes da mostra atoparán unha maqueta sobre a presencia dos cabalos ceibes nun mapa en relevo, no que aparecerán os topónimos relacionados cos estes animais. Seguidamente, pasarán a ver un conxunto de 18 paneis que desenvolverán cinco grandes temas. O primeiro fala do medio natural no que habitan os equinos que perviven no monte en pleno século XXI, no que aparecen petroglifos con figuras ecuestres que xa constatan a presencia das bestas dous mil anos antes de Cristo. A singularidade do sistema de propiedade comunal do monte, que facilita a presencia dos animais integra o segundo bloque da mostra, mentres que o terceiro se centra no prototipo racial do cabalo galego, que ofrece unha simbiose co medio natural que o identifica co cabalo garrano portugués, tamén común nos espacios naturais. Outro dos apartados da exposición aborda a tradición milenaria dos curros, mentres que a presencia dos cabalos en liberdade nas artes ocupa o quinto capítulo.

Páxina web

Unha selección de ferramentas relacionadas coa gandeiría cabalar, pantallas táctiles con documentais elaborados por alumnos do centro nas súas actividades de monta, coñecemento dos roteiros das bestas cara os curros ou nas mesmas rapas completan a mostra, que non conta con suficiente espacio para recoller todo o traballo dos alumnos do centro. Así, rapaces e mestres abren ao público a web ceibesnomonte.com onde lle amosan ao mundo cuestións que quedaron no tinteiro como un "vocabulario do cabalo" con 1.300 entradas, fichas de exemplares identificados no monte, os percorridos dos roteiros das burras –os traxectos que camiñan os animais, guiados polos gandeiros, desde o seu entorno habitual ata os curros–, e un espazo multimedia con traballos en radio, vídeo e fotografía.