O Congreso Álvarez Blázquez inaugurouse onte como "convocatoria para unha reflexión crítica e diálogo", como así o fixo constar o académico numerario da Real Academia Galega (RAG) Xosé Luís Axeitos, quen recalcou a necesidade de que "este país teña este tipo de convocatorias".

"Xosé María Álvarez Blázquez segue a ser un home que en entendeu a este país", comentou Axeitos sobre o ilustre tudense e ante un auditorio reducido que a primeira hora da mañá concorreu ó acto inaugural deste congreso que se desenvolverá ata o vindeiro sábado.

A delegada provincial da Consellería de Cultura, María Xesús López Escudeiro, fixo fincapé na personalidade do escritor, editor e poeta que "transmitía o seu vencellamento, por contaxio. Transmitía o seu entusiasmo, a fe firme na nosa nazón", describiu.

López Escudeiro lembrou os numerosos actos celebrados ó longo deste ano en lembranza do polifacético tudense. "No caso de Álvarez Blázquez estamos a falar dun testemuño histórico, da coherencia entre vida, obra e ideoloxía. Nunca esqueceu a súa ligazón con Galicia. Estamos a lembrar uns valores", afirmóu. Fixo referencia á dolorosa perda do seu pai e do seu curmán, Alexandre Bóveda, asasinados no ano 36 pola represión franquista.

Por todo iso, para López escudeiro "achegarse a esta figura, para moita xenta, foi facelo a unhas persoas que estiveron a construir un país para todos e todas".

O Congreso de Tui ofrece a oportunidade de coñecer e dar a coñecer as múltiples potencialidades da obra e figura do persoeiro, afondando na cultura e identidade galega.

Xosé Luís Axeitos adiantou que vanse publicar as actas do congreso, "que serán útiles para o país".

O académico Xosé Luís Méndez Ferrín, en representación do presidente da Real Academia Galega, declarou inaugurado o congreso. Antes lembrou ó comité organizador e científico que no final deste ano adicado a Álvarez Blázquez leva adiante o congreso.