Verónica Palleiro / As Neves

A súa traxectoria política arranca coa súa inclusión nas listas do PPdeG nas últimas eleccións ó Parlamento Galego representando á comarca. Na vida política das Neves comezou nesta lexislatura como número dous do goberno local. Mª Carmen Gil Álvarez é tenente de alcalde e edil de Servizos Sociais e de Cultura. Asimesmo, defínese como comprometida co desenvolvemento do rural galego e das súas xentes.

-Por vez primeira As Neves ten unha muller na Tenencia de Alcaldía. Que supón este hito no goberno local?

-Eu non creo nas cotas e estou por riba da lei de paridade e, se me apura, tamén da de igualdade. Sí creo no traballo ben feito, na boa xestión municipal a favor dos veciños das Neves, en saber dar resposta ás súas necesidades e problemas diversos, en loitar polo presente e futuro cultural, social e económico das xentes deste concello, que nos sintamos orgullosos de ser e de vivir nas Neves e en calquera aldea, lugar ou parroquia do noso concello, porque contamos cos servizos necesarios para iso. E si é así dame igual quen o faga, sexa muller ou sexa home.

-O centro de día xa leva tempo funcionando. Están cubertas todas as prazas?

-Hai 19 prazas cubertas das 25 que se ofertan, penso que para as familias das persoas maiores é un servizo importante, pero máis para eles mesmos, porque é mellorar en calidade de vida, xa que alí teñen un fisioterapeuta, un ximnasio, actividades culturais e de ocio... Teñen todo aquilo que lle favorece na súa idade e que lle axuda a previr enfermidades ou paliar doenzas. Pero o máis importante é non estar só na casa, poder relacionarse con outras persoas e estar atendidos por profesionais. Ata cubrir o número de prazas, os interesados poden facer a solicitude nos Servizos Sociais do concello, ubicados no Centro Social. Por suposto que os que son das Neves teñen 5 puntos do baremo de admisión a favor, pero si non son cubertas por veciños do concello, poden ser admitidas persoas de calquer outro, de feito xa hai de Ponteareas e Salvaterra.

-Pretende axudar á conciliación familiar e laboral. Que horario ten?

-Está de luns a venres, empeza a recoller sobre as 9.30 da mañá un transporte xa adaptado, para chegar ó centro sobre as 10.15 horas, e volven ás súas casas a partir das 17.30 horas; podendo almorzar, xantar e merendar no mesmo centro de día.

-Moitas das actividades que teñen nas Neves están enfocadas á xente maior. Teñen prioridade sobre os nenos?

-Penso que cada franxa de idade está atendida, pois os nenos teñen un Punto de Atención á Infancia, que funciona de xeito parecido ó que é o servizo dunha gardería, e para ampliar dito servizo na actualidade o proxecto dunha nova gardería xa está na Xunta de Galicia. Contamos tamén cunha Escola Municipal de Música para nenos a partir dos 3 anos.

-Ademais vostede é secretaria das Mulleres Rurais das Neves. É esta unha asociación activa?

-Sí que o é. Sen ir máis lonxe, este domingo 20 de xullo teremos unha romaría que inclúe visita ós lugares de interese das Neves e unha comida campestre na área recreativa do Pousadoiro e para finais de agosto estamos a organizar unha viaxe á Expo de Zaragoza.