A Fundación Lois Peña Novo celebrou onte no Castelo de Soutomaior a XIV edición dos seus premios de normalización lingüística nun emotivo acto presidido polo conselleiro da Presidencia, Xosé Luis Méndez Romeu. Os gañadores foron o catedrático e membro da Real Academia Galega Xesús Ferro Ruibal; o maxistrado do Xulgado de Violencia sobre a Muller de Vigo, Manuel Pereira Costas; o Concello de Vilar de Santos. Os premios destacan cada ano ás persoas e institucións que se distinguen polo seu traballo a prol do emprego do galego.

A ceremonia incluiu a proxección dun documental de 20 minutos sobre Fermín Bouza Brey e o reparto dunha publicación feita para a ocasión.

Premiados

O xurado dos premios destacou a traxectoria profesional de Xesús Ferro Ruibal como escritor e académico, demostrando ser un "terapeuta" da lingua, unha persoa de acción empeñado en descubrir e aplicar remedios que fortalezan a delicada saúde da lingua galega. Tamén compre atribuírlle, en moi boa medida, o logro histórico de que os antropónimos tradicionais galegos volvesen aos rexistros civís, grazas ao seu "dicionario dos nomes galegos", e participou na redacción do Plan Xeral de Normalización da Lingua aprobado no Parlamento de Galicia en 2004.

Do maxistrado Manuel Pereira resalta ser un activo importante para a galeguización do sector xudicial, entusiasmando aos funcionarios dos respectivos órganos xurisdicionais por onde pasou. Boa proba disto é que en cadanseu xulgado motivou a redacción de moitos expedientes xudiciais en lingua galega.

Por último, premiouse ao Concello de Vilar de Santos por ser unha das administracións locais galegas que se ven diferenciando, dende hai moitos anos, na defensa da nosa identidade cultural e lingüística coa recuperación da toponimia, a aposta na galeguización interna das empresas e a súa publicidade, e campañas de galeguización dos nomes de persoas e comercios.