Alumnado do IES "Francisco Sánchez" de Tui coñeceu onte á tarde, de primeira man, o debuxo da personalidade, carácter, vida e obra de Xosé María Álvarez Blázquez, ilustre tudense ó que se adica este ano o Día das Letras Galegas. O seu fillo, o profesor Alfonso Álvarez Cáccamo, falou do que, dixo, "foi o home máis importante da miña vida" a quen presentou como un optimista nato, gran conversador e con gran sentido do humor. De feito, o humor e o amor prevaleceron na casa paterna e siguen unindo á familia.

Emilia Alonso, profesora do IES "Francisco Sánchez" fixo a introducción facendo mención a amistade que de lonxe une a súa familia coa dos Álvarez, e lembrou o día dos anos 70 no que coñeceu a Alfonso Álvarez, cunha guitarra entre as mans. Onte o profesor recoñecía que co tempo vai sumando novos aspectos da vida e obra do seu pai "un home cunha inmensa curiosidade e inquedanza por todo, pola natureza". A xente nova escoitou con moita atención o relato do profesor. Os alumnos Jesús Balado, Marta Castiñeira e Isabel Da Costa, recitaron poemas do homenaxeado neste acto que foi organizado polo departamento de Lingua Galega e Normalización Lingüística, e que incluíu a actuación do trío de corda "Xorima".

Por outra banda, dentro dos actos do "Ano de Xosé María Álvarez Blázquez" que organiza a Concellería de Cultura do Concello de Tui, haberá unha mesa redonda que debaterá a relación do autor tudense coa literatura, tanto dende o punto de vista de creador como dende a súa labor coma editor e estudoso da historia literaria de Galicia.

Esta mesa redonda sobre "Xosé María Álvarez Blázquez e a literatura" contará coas intervencións de Xosé María Álvarez Cáccamo, Darío Xohán Cabana e Xavier Rodríguez Baixeras. Dará comezo ás 20.00 horas no salón de actos do Museo Municipal, no antigo convento de San Domingos.

Outro dos actos previstos esta semán é o da compañía Sons Galiza Música, que presentará a obra multimedia "Xosé María Álvarez Blázquez: Entre o Miño ao mar de Vigo". Terá lugar mañá mércores día 30 de Abril, ás 20.00 horas, no Museo Municipal de Tui. Á mesma asistirán Eloi Caldeiro, autor da obra, Pepe Álvarez Cáccamo, escritor e fillo do homenaxeado e Rafael Sánchez Bargiela, historiador.