Os galegos podemos sentirnos orgullosos e presumir de moitas cousas. Sen embargo existe polo menos un tema no que temos que sentirnos avergonzados. Refírome o feísmo de moitos lugares.
Saíndo de Galicia por calquera lugar, por exemplo ó pasar da Pontenova a Taramundi en Asturias, podemos comprobar a diferencia no bo urbanismo, na limpeza, no coidado das pequenas cousas, etc. Ocorre o mesmo si se cruza tamén a provincia de Lugo dende A Fonsagrada a Grandas de Salime, ou en Ourense ó pasar da Gudiña a Puebla de Sanabria. Tamén se aprecia disminución do feísmo cando se pasa da Guarda a Vilanova de Cerveira ou de Salvaterra de Miño a Monçao en Portugal.
E certo que son entidades de poboación diferentes, incluso ás veces, os pobos galegos comparados teñen maior riqueza, máis o aspecto físico da inmensa maioría dos pobos limítrofes con respecto a outros de Portugal ou das autonomías veciñas é moi desfavorable.
É complexo arranxar este grave problema, e a xente as veces colabora pouco, agora ben, se a Xunta, as Deputacións, os arquitectos e sobre todo os Concellos puxeran un pouco de empeño, melloraría moito. Por exemplo, os alcaldes tiñan que avisar e incluso multar á xente que ten descoidada a súa vivenda ou o seu entorno, aínda que tamén daría moi bo resultado conceder premios ós pobos que se atopen mellor coidados. Esto crearía unha rivalidade san que se iría extendendo. Allariz por exemplo, xa está influíndo nos Concellos veciños que tamén van mellorando.
Xosé-Bieito Coello Coello - A Coruña