17 de mayo de 2018
17.05.2018
ÚLTIMA HORA
Julen Lopetegui renueva como seleccionador español hasta 2020

Letras galegas: de Guímaros e suicidas

17.05.2018 | 04:55

Todo empezou por un viño nunha cea dun interesante encontro herculino de psicanálise onde se falava de Sade e da esencia da perversión. O viño era tan bon que deu parola a preguntármonos que era a verba guímaro coa que se bautismara aquel gorentoso viño. Eu só lembrava que Franco Grande definía ese vocábulo como un adxectivo semellante a espilido, vivo, activo e sagaz. Meu irmao pequeno, o mitólogo, díxome ao telefone que era unha especie de familia mítica das terras luguesas. Así as cousas, mentres preparava o poema para a homenaxe a Carvalho Calero, desprezado un ano máis pola Academia Galega, un amago de neurose obsesiva adonouse da miña vontade e deime á pescuda deses enigmáticos guímaros. Alén dos viñedos de Doade debruzados no Sil, o primeiro guímaro dun diccionario de español falavame de bufón e hazmerreír, mais tambén dun apelido común en Brasil e Portugal.

Porén, descubrín que guímaro era amais un xentilicio para se referir non só aos habitantes de A Pobra do Brollón, polas Terras de Lemos e María Castaña, aquela afouta muller que liderou as revoltas contra o vispo de Lugo no século XIV, senón tambén dos nativos de Videmala nas terras de Alba, hoxe zamoranas e no pasado do reino da Galiza.

De enlace en enlace do buscador asistín pasmada á revolta medieval dos guímaros, contada por Amor Meilán, na que a casa de Lemos trata de sumeter aos do Brollón a un tributo ao que o povo dos guímaros se nega a non ser que llo viñeran a recadar nas súas casas e coas portas fechas, tan só botando a moeda por baixo da porta.(Encoraxada ideia guímara que me deu pé a pensar canto do noso pasado revolucionario ignorado podemos traer á revolta de hoxe contra a inxustiza). Desde entón dise que se lles coñece como guímaros,é dizer, rudos, afoutos e desconfiados.

En sendo a historia destes antigos guímaros unha lenda popular con certa base histórica, como aponta o arqueólogo Xurxo Ayán, nunha conflitiva terra de reguengo onde se solventavan, co sangue do povo, as rifas entre reis e nobres, enxergo o aquel de guímaro como espilido, activo e sagaz. Porque tamben en Videmala déronse conflitos medievais entre os reinos leonés e portugués.

Xa Benito Vicetto na novela Los Hidalgos de Monforte, falava dun tal Guímaro nos tempos da revolta irmandiña, que fora encadeado e cruelmente esnaquizado polos esbirros do conde de Lemos por liderar a revolta. E Vicetto di que os monfortinos ainda aldraxan con ese alcume aos da Pobra do Brollón. De xeito que na memoria colectiva do noso povo ficou a verba guímaro co uso despectivo de insulto ate o ponto de terse que mudar a que fora rúa Guímaro por rúa da Feira. E ter que se artellar unha Feira Medieval Guímara no ano 2014 e unha estatua á entrada da vila para recuperar a memoria.

Entramentres ando a cismar na morte cotiá da nosa lingua, entramos na semana das Letras Galegas onde un presidente farfulla, nun galego de curral, que co seu governo se coñece mellor o galego mentres se van enchendo as marquesiñas coa eiva do galego como victoria de lingua emotiva que só pode espertar un amor de lar fechado e frores de escravatura dun maio suicida e necrofílico,onde un povo todo o ano mudo, dáse a unha semana orxiástica de cerimonia museística, con ripios, mantras e inciensos alumiados por uns exvotos de candea mercados nos cerumes meseteiros dunha academia que vive de costas aos xigantes exvotos de Braga e Porto, a lingua oceánica que abre o mundo da lusófona galeguía.

Entramentres os da plataforma Queremos galego reclama o dereito a vivir en galego, o clúster lobista de Gloria Lago Hablamos Español recolle sinaturas para nos soterrar e lacrar as campas, os lusos comezan a falar con nós sen intermediarios casteláns e os ilusos sacam da gaveta a lei Paz Andrade...Entramentres uns guímaros de Ferrol reivindican en homenaxe a Carvalho Calero para as Letras Galegas dunha estúrdiga Academia.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
S.P.
Lo malo del embrollo que ha montado la Xunta con la sede de la fundación...
MANUEL BRAGADO
Vigo contou cun gran teatro en 1832. Foi o que na Princesa inaugurou o rico comerciante Velázquez Moreno...
 

Calendario laboral y escolar 2017/2018

Calendario laboral 2018 en Galicia

Calendario Laboral 2018 en Galicia

Aquí tienes a tú disposición todos los días festivos en  Vigo y en Galicia , así como el Calendario escolar 2017/2018 .

 

Enlaces recomendados: Premios Cine