Decidinme escribir estas palabras despois de visitar recentemente un país de Europa do Este. Despois de recorrelo de arriba abaixo percateime de moitas cousas boas e moitas malas; unha delas era o sucio que estaba todo. Eu dicía para min, isto en Galicia non pasa.

Ao chegar a Galicia aquelas imaxes de suciedade seguían na miña cabeza, e ao cabo duns días abrín os ollos: está todo cheo de lixo! Isto foi un duro golpe, a Galicia que sempre crin limpa, non o está.

Queridos amigos, os nosos ríos, montes e praias están cheas dunha gran cantidade de botellas plásticas, latas, papeis, bolsas, cabichas... Pero o que parece verdadeiramente un basureiro son as beiras da autovía Tui-Vigo, sobre todo nas entradas e saídas. É descomunal. Pero en calquera estrada, camiño, sendeiro... atopámonos esta estampa. Non entendo a esas mans que guindan polas ventanillas dos vehículos toda esta porquería.

O que si, que non veña ninguén a dicir que as administracións non limpan, porque non se trata de que se limpan ou non. Trátase que estamos a encher de suciedade todo e a estragar a nosa fermosa terra.

Eu recoñezo que tiven que recibir unha lección para aprender, e foi cando comecei co meu bar, que sita no medio dun monte, alá polo ano 1977. Víu un día unha parella de alemáns cun neno pequeno. Mercaron un caramelo e déronllo ao meniño duns 8 anos coma moito. Este comeu o caramelo e mirou para un lado e para outro e ao non ver papeleiras preguntoulle a nai que facía co papel. A nai colleu o envoltorio e gardou o papel no peto do pantalón. Ese día este pequecho deume unha gran lección, a cal non esquecerei na vida.

Por iso esta carta vai dirixida a todos aqueles que usan a ventanilla do coche, as beirarrúas, as cunetas das estradas coma lugar onde guindar ou depositar os seus papeis. Antes de tirar ao chan mirar aos lados, porque seguro que hai unha papeleira perto.

Por favor, un pouquiño de sentido, e coidemos esta terra que será a do nosos fillos e netos. Deixémoslle algo do que se poidan sentir orgullosos.