José Antonio Bastos Rodríguez faleceu o pasado venres día 12 de xaneiro. Pucho Bastos, nome con que todos o coñeciamos, naceu en Sárdoma e residía na parroquia de Castrelos, concello de Vigo. Estaba vinculado ás comunidades veciñais, foi presidente da federación de asociacións de veciños de Vigo Eduardo Chao e presidente da Asociación Veciñal Monte da Mina de Castrelos. Tamén presentouse no posto n.º 3 por Esquerda Galega nas eleccións de 1991 e estivo a punto de ser concellal. Era un home moi reivindicativo, el tiña claro que outro mundo é posible, por iso a loita por cambiar esta sociedade inxusta era constante, sempre en defensa dos veciños, dos débiles, dos pobres, en contra do poder político que consideraba responsable destas inxustizas, así enfrontábase ó goberno municipal para conseguir un Vigo mellor.

Pucho era un vigués de pura cepa, un home ben querido, pacífico, respetuoso, dialogante, cumpridor de súa palabra, amigo dos amigos, que ademais do compromiso que tiña con Vigo, axudaba de xeito altruísta a outras comunidades veciñais, como é o caso da parroquia de Santo Estevo de Budiño (concello de Salceda), que grazas a súa axuda e seu asesoramento a construción do Centro Cultural de "O Coto" foi unha realidade. Tamén foi un dos máximos puntais na reconstrución do Monumento dos Mártires de Sobredo, e seguiu participando ó longo destes anos en todas xuntanzas e actos convocados, e sempre dixo que alí estaría mentres tivera vida, e así foi, pero ese monstro disfrazado de enfermidade quería impedilo, el dicía que iso non era nada e que esta batalla a tiña gañada. Eu nunca coñecín un home con tanta moral, pero no último acto do Monumento faltou á cita.

O venres e sábado fomos moitísimos os amigos e compañeiros que acudimos ó tanatorio de Pereiró para a súa despedida. O sábado celebrouse un acto civil moi emotivo onde algúns dos presentes tomaron a palabra, recitaron poemas, cantiga e rematouse con o Himno Galego, tal como el o quería.

Podemos dicir que perdemos non só un amigo, non só un loitador, perdemos un delineante, un arquitecto, un construtor de facer país e de erguer nosa Galiza.