Confésoo. Sinto certo fetichismo polas estatuas de grandes persoeiros. César Lombera colma o meu apetito en poliéster e fibra de vidro. En Compostela modelou a Santiago Matamouros, Zapatones ou Pablo Iglesias, fundador do PSOE. É responsable de dúas iconas pop da cidade, As Marías e Valle Inclán, que viven para sempre na Alameda. En Pontevedra o divino dramaturgo xa non está sedente. Fixouse en Perfecto Feijóo, o boticario gaiteiro, co seu loro Ravachol. En Ribadeo está o Marqués de Sargadelos, creador da célebre fábrica de cerámica que nace a cabalo do XVIII o XIX. Na Cidade das Burgas camiña O Carrabouxo, personaxe de ficción. Ten bocetos de Vidal Bolaño, Torrente Ballester ou Díaz Pardo, cunha actitude case apoucada. Interesouse por Xan da Cova, excéntrico ourensán decimonónico. Foi ebanista, poeta e inventor de cousas coma o Pirandárgallo, un paraugas universal.

Na súa formación é determinante a súa estadía en Barcelona entre 1973 e 1978. A súa infancia e actual residencia en Arousa deixáronlle unha fonda impronta mariñeira."De neno sentín esa atracción fatal. Mexaba por min de puro pracer coa soa contemplación de tanta auga acumulada". Se O vello Simbad soñaba con volver ás illas, Lombera gostaba de xogar entre a vida e a morte; buscaba a bafarada de ar necesaria para respirar. No seu maxín había tritóns, sereas, tesouros ou polvos xigantescos. Namorado da flora afundida e dos ollos de boi. O escultor de Barakaldo recurriu a cotío a figuras semisumerxidas.

Non falta a ironía e o acedo. Algo necesario e terapéutico. Gústalle o humor negro porque é tétrico e descrido e fala da morte. Pero se solidariza coa raza negra e os dereitos dos africanos. Lamenta que nós os escravizamos e explotamos ata deixalos nos ósos e mortos de fame. Sobre as axudas humanitarias parodia coa entrega dun microondas a tribus sen corrente eléctrica.

O seu universo é festivo, teatral e colorista. Recurre a elementos etnográficos. Demos dentudos, cigarróns, papáns? É o autor dos gigantones da catedral que substituiron a comezos dos 90 ós barrocos xa vellos que había daquela. Recupera a tradición compostelana da Coca.