No ano 2011 a Consellería de Medio Ambiente sacou o primeiro borrador do Prux (Plan Reitor de Uso e Xestión do Parque Nacional). Supoño que todos aqueles que, directa ou indirectamente, teñen algo que ver coas Illas do Parque, quixeron contribuír a mellorar ese Prux e enviaron as súas alegacións.

Eu, como persoa que levo recompilando datos sobre a Illa de Ons dende hai máis de 40 anos e tamén, como membro activo dunha asociación cultural que ten o Parque Nacional en xeral e a Illa de Ons en particular como obxectivo principal, enviei un extenso escrito á Consellería onde ían un bo número de suxestións e alegacións ao borrador.

Ao igual que o fixen eu, teño que supoñer que, como mínimo, ecoloxistas, confrarías, concellos de Bueu, Ribeira, Vigo e Vilagarcía, asociación de veciños de Ons, navieiras, negocios das illas, concesionarios de Cíes,..., como implicados directos, presentarían as súas alegacións tamén.

Dando por suposto que as fixeron, dicir, no que respecta a min, que non recibín ningún escrito da Consellería, nin tan sequera para agradecer o traballo realizado, cando o normal sería me contestaran comentándoas e así saber se as tiveron en conta ou non. Se iso o fixeron comigo, teño que supoñer que tamén o fixeron cos demais, o que volve a demostrar a apatía, a falta de consideración e a pouca transparencia que ten a administración: Xunta e a Consellería de Medio Ambiente.

Din que estamos a piques de que saia o novo borrador. Eu penso que de "novo" non vai ter nada e vai ser igual que o do 2011, agás algún cambio no que respecta as concesións de Ons, ao tema da pesca e, quizais, algo no número de visitantes ás illas. É por iso que antes de sacalo, deberían comunicar a todos os que presentaron alegacións no 2011, se estas foron tidas en conta e en que sentido.

Sería necesario que os que alegaron nese primeiro Prux e antes de que saia o seguinte, pidan á administración transparencia e que a Consellería de Medio Ambiente, aínda que con 7 anos de retraso, conteste a esas alegacións (2011) para non ter que volver a repetilas outra vez no novo e, que aínda por riba, volvan a rirse de nós, non contestando, nin tan sequera para saber se as leron.