Coido que o pobo galego, máis tarde ou máis cedo, saberá recoñecer o esforzo e entrega dos dirixentes e militancia activa do BNG, con Ana Pontón á fronte. Non se trata de concordar con todo, trátase de sermos xustos e de recoñecer que son os mellores defensores de Galicia e das súas clases populares, sen por iso deixar de apreciar á xente que tamén ten un compromiso sincero con este país, independentemente da súa clase social ou da súa militancia. Os que mandan sempre codiciaron o que non lles pertence: a nosa inocencia (que se a perdemos hai que procurar recuperar), o noso corazón, a nosa mente, a nosa carteira,... Galicia malvive, sobrevive a duras penas, esmagada en orixe, silenciada. Pensar ao grande non é fácil, hai que asumir riscos, ter atrevimento e ousadía. Vencer o medo, rachar coas cadeas que nos poñen e intentar superarnos.

Porén non falemos só de Galiza ou de Galicia, sermos solidarios implica ocupármonos tamén doutros problemas e doutras realidades, mellores ou peores ca nosa: Catalunya, pobo saharaui, Palestina, Venezuela, Cuba, Latinoamérica en xeral, África, Europa,... Todo nos repercute e todo está relacionado. Atrevámonos a ter espírito crítico co pensamento dominante, porque só sendo críticos e practicando a autocrítica poderemos mellorar e saír desta profunda crise na que estamos -uns máis que outros- e construír entre todos un mundo mellor, máis libre, máis xusto e solidario.