Di o famoso refrán: "Que non hai mal que por ben non veña". Así o teñen que pensar os responsables do Parque Nacional, pois despois de 15 anos para elaborar un Plan Reitor de Uso e Xestión houbo que esperar a que a Consellería de Medio Ambiente, moi mal asesorada e sen unha investigación previa e seria do que estaba a pasar, tanto interna como ás navieras, non fora quen de dar unha solución sen crear conflictos e tan agresiva como a empregada na problemática de Cíes en agosto; para que agora, para quedar ben, acelere o tema do PRUX.

A consellería ven de sacar no DOGA un documento inicial do PRUX. Debe de ser para que a poboación saiba que está a "traballar", porque ese documento está baleiro de contido para poder alegar algo. Haberá que esperar ao futuro borrador para podelo facer. Sen embargo, xa somos uns cantos os que nos puxemos ao traballo para intentar que o borrador conteña, na súa normativa, o que consideramos importante para este espazo natural tan especial.

Os primeiros en saltar á palestra foron os ecoloxistas, persoas privilexiadas dentro do Parque Nacional, por ter dous representantes no organismo fantasma do Parque, coñecido como Padroado, aínda que non sabemos quen os elixiu e a que grupo pertencen. Sen embargo, os veciños de Ons non están, aínda que xa son concesionarios.

Como a problemática deste asunto é o tema "cupo visitantes Cíes", rápidamente saen á prensa dicindo que hai que regulalo, pero non só en Cíes, onde houbo conflictos, senón tamén nas demais illas, sobre todo en Ons. Dende a consellería xa se apresuraron, ao verse apoiados, a dicir que Ons vai ter unha limitación (falan de 1.800 persoas) pero non aportan ningún dato para explicalo e avalalo, só falan da problemática puntual deste verán, onde as navieras, para dar unha solución as reservas de Cíes, buscaron en Ons alternativas. Outros anos non houbo ese problema.

O Parque Nacional está composto por catro illas. Cada illa ten unhas características diferentes e como tal o PRUX non pode crear unha normativa xeral para todas igual, senón que ten que estudar as diferentes peculiaridades de cada unha e facelas notar nese documento. Ons é a única illa habitada. Logo hai que ter en conta esa poboación á hora de crear o cupo. Eses veciños que viven en Ons, durante o verán poden recibir visitas de familiares e amigos, se lle vai a prohibir ir visitalos? E os campistas, e os rapaces dos campamentos, e os traballadores da administración e dos negocios, lles pohibirán ir? Como se vai a regular iso? Cantas prazas quedarán para visitantes? Dende logo hai que regulalo pero sempre baseado sobre estudios feitos e ben explicados aos veciños, negocios e poboación en xeral.

Por certo, o problema da auga en Ons tamén é puntual e foi máis pola seca deste ano que polo uso. As depuradoras nunca funcionaron ben, coido que non se fixeron os estudos necesarios para buscar a solución adecuada.