Que alguén nos defenda de tanto "asalto legal" !

Isto é o que escoitei, un día destes, a un grupo de cidadás, que se laiaban de tanto abuso de poder, sen que ningunha institución pública se dea por enterada e trate de parar a desfeita.

"Un abuso que se nos impón, xa non só sen a nosa autorización documental, senón sen nos consultar, sequera, o noso parecer. Un abuso que nos vai calando coma a chuvia miudiña ata que o sistema se aplica coma norma e cando, segundo os poderes impositores, non hai nada que facer para rexeitalo.

Por onde comezamos?: bancos, telecomunicacións, eléctricas, sanidade...

Protección de datos: existe unha parafernalia lexislativa que ninguén lle fai caso á hora de facilitar datos persoais a outras empresas sen contar coa autorización do titular deses datos persoais. Que curioso!: A lexislación establece que se Vde. non autoriza a facilitar os seus datos máis ca para o fin perseguido, ten que facelo constar por escrito. Curioso!; non si? O lóxico é que aquela persoa ou empresa que desexe utilizar os nosos datos para outros fins distintos daqueles para os que son requeridos, soliciten a nosa autorización documental.

Se suscribimos un contrato de telecomunicación, de electricidade... e a empresa decide alterar as condicións contractuais suscritas por ambas partes no seu día, tería que contactar con nós, expornos as novas condicións e suscribir un novo contrato ou non, segundo nós aceptemos ou non as novas condicións contractuais. Pois non. A empresa en cuestión con enviarnos unha parrafada por correo electrónico dicíndinmos que: "A partir de tal data, o custe da factura vai ser tanto, por non sei qué". E Vde. e máis eu, e máis as persoas que, pola razón que sexa, non poden ler a parrafada no correo electrónico, entéranse cando chega a factura e... Xa non hai remedio!!!

Quen é reponsable de que todo isto aconteza? As súas (¡nunca máis axeitado o de súas) señorías, Ilmos. señores deputados, lexisladores pola nosa gracia e ben pagados por nós. Para quen lexislan? Quen son os titulares, maioritariamente, das empresas para as que lexislan? Déanse Vdes. mesmos as respostas.

¿Como se entende que nun país con sistema económico de libre mercado e propiedade privada protexida pola lei, poida vir un don "mindundi" público ou privado, chámese X ou Z, incluída dona facenda, a meter a man nos nosos aforriños sen unha previa orde xudicial?

Miñas amigas comentaristas da tertulia escoitada: Cústame moito aceptar aquela frase tan vella, coma vixente: "Quen fai a lei, fai a trampa".

Ou son os anos ou é a realidade que me fan aceptar que a frase refrexa a dura realidade ou quizais debamos repetir aquela outra de Castelao ou que a cita el?: "Mexan por enriba de nós e dicimos que chove".