Onde están os paxariños que trilaban ó mencer? Ían coa chuvia, co vento, coa brisa e o temporal. Fóronse onte para non voltar máis, coas lapas mortais nunha viaxe sen retornanza alén do mar. Están queimando a súa terra os fillos que nela foron nados, que zugaron ós seus peitos, que nela foron criados. De consún cos furacáns, van semeando grande dor, destrución e danos letais. E, por iso, deixan de ser rumorosos os pinos da nosa terra e, coa cinza no ambiente, a nosa costa de sempre deixa de ser verdescente.

Unha cadeliña vén de parir no monte, onde un fado aleivoso empurrouna a vivir. Alí abriron os ollos ó mundo, cinco cadeliños fermosos, engaiolantes, agarimosos. De súpeto, un siniestro día, comezaron a bufar ventos traicioneiros de rouco e sibilante son escortando arteiramente unhas lapas pregoeiras da morte. A cadeliña vai levando unha a unha as súas miñaxoias e tenras criaturas penduradas na boca a un lugar máis seguro. Cando volta a recoller o último filliño, só acada apañar morte; o que atopa é un anaco inerte en forma de farrapo de carniña chamauscada; eso é o que fica do seu canciño. El era o máis bulideiro e o máis famento da leitiña materna, a meniña dos seus ollos. Que che fixeron, meu ben? Quen roubou a túa vidiña? Teus irmanciños estannos agardando, pero, de agora en diante, os días xa non terán luz, as noites serán escuras. Só alá enriba brillará un lumiar, a estreliña onde ti seguirás vivindo. Coma sempre, ata mañá. E que ninguén esqueza que os cans tamén temos almiña e merecemos un ceo especial, despois de tanta dor.

Non eran fogueiras de San Xoán, eran fogos infernais, ensaio xeral de apocalipse final ."Miña casiña, meu lar, onde fóchedes a parar. Merqueiche con sangue, suor e bágoas e, agora,para máis amolamento, esas cinzas que van polo ar, están aterrando na miña ialma.

Eucaliptos malditos, de poder incendiarios, aliados do lume dantesco. Hortiña que tanto quería, arboriños que prantei; eles eran o meu Edén. Todo foise nun amén por mor duns incendios encirrados por eses matricidas, asasinos da súa nai Galicia".