Dicía Castelao: "O día que saibamos o que é unha arbore, aquel día non teremos que emigrar". O monte ten mais que árbores, polo menos para Camos. Ten a historia dos nosos antergos nos seus topónimos e xacementos, ten a auga que entra de balde nas nosas casas, ten outeiros que nos protexen dos fortes ventos e nos ofrecen boas vistas, ten chans por onde pasear, ten froitas e cogomelos; purifica o aire que contaminamos, e danos frescor no verán e calor no inverno...Todo iso e mais que votaremos en falta so cando deixe de ser noso, ou sexa, tarde. Dende o 10 de novembro de 2013, ata o 20 de novembro do 2016, formei parte da xunta rectora da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Camos. Foi unha decisión meditada, voluntaria e cun claro propósito de converter ese gran espazo natural, que está nas nosas mans, nun monte sostible e multifuncional, que non dependese so da venta de madeira. Asemade, a riqueza xerada, traduciríase en reinvestimentos directos no monte e indirectos no resto da parroquia, nas instalacións comúns e en forma de emprego para a veciñanza. Foron anos intensos e dinámicos. Se non era preparar ou celebrar Asembleas da Comunidade, 12 en 3 anos, tiña reunións da Mancomunidade de montes do Val Miñor, ou do GDR, ou da Xunta Rectora cada pouco, ou había que subir ao monte a marcar as cortas, ou ensinar os lotes aos madeireiros, ou preparar e celebrar as poxas da madeira, ou despois vixiar que se cumprisen as condicións asinadasdas cortas, ou día a día e semana a semana organizar as tarefas dos operarios, ou redactar ducias de escritos para as distintas administracións e organismos, informando, reclamando, recurrindo ou solicitando segundo procedese.Si, as veces tiña que roubarlle tempo as miñas cousas pero coido que pagaba a pena facelo. Agora xa non seguen ese camiño, como empezaba a decatarme antes de dimitir. Voltou a opacidade e a era dixital. Xa nin se fan asembleas, actuando como oligarcas. Os proxectos iniciados están abandonados e os aprobados no caixón. Nin sequera se respectan as quendasdo plan de ordenación e menos o acordado para as zonas de auga e risco de incendios.

Cando me fun, había case 50000 euros de saldo. Agora din que non hai cartos. Nembargante, para "comercio e bebercio" como en San Xoán, ou para o vindeiro despilfarro, como eu lle chamaría, non "xuntanza anual", nin festa do comuneiro, como eles denominan, pois seguro que irán mais amigotes deses grupos dirixentes de Camos, que comuneiros. Dirixentes, si, como se proclama algún ou algunha, porque deciden, gastan, usan de forma privativa e parasitan o que é de todos nos.