Inviable si, esta é a palabra que mellor define o dicionario a aplicación do Artículo 54, Lei 7/2017 de 28 xuño, de Montes de Galiza para proceder ó deslinde dos montes veciñais con propietarios particulares.

Como representante dunha comunidade de montes debo manifestar a miña preocupación e cabreo pola aprobación de unha lei onde a Administración se limita a emitir un informe favorable ou negativo a todo un laborioso e complicado procedemento técnico e administrativo que deben desenvolver as comunidades de montes, dispoñan ou non de medios para facelo.

É posible que, a mediados do século pasado, a maioría dos propietarios particulares lindasen cun monte veciñal, e atenderan calquera requirimento relativo a unha proposta de deslinde. Entón coñecían ben a súa propiedade, sabían onde estaba cada marco e quen lindaba con eles. A necesidade de entón sobre o aproveitamento destas parcelas non permitía o seu abandono e calquera chamada en este sentido era motivo de alerta.

Hoxe, unha boa parte dos herdeiros desas xeracións non viven nin sequera na parroquia; descoñecen xeograficamente onde herdaron, non coñecen os seus lindastes e menos cales poden ser os marcos da súa propiedade. Debemos ter en conta que estamos a falar de propiedades rústicas (matos, cachadas, tomadas...), sen apenas valor forestal e a nula demanda dese tipo de terra impide calquera pretensión de venda, facendo delas, propiedades sen ningún valor que só acarrean custes. Se a todo elo engadimos que durante moitos anos non teñen coñecemento de ningunha alteración nesa propiedade.

Quere alguén dicirme partindo desa realidade manifesta se dous ou tres membros dunha Xunta Reitora aínda que vaia acompañada dun feixe de técnicos e xuristas con só unha publicación do DOG colocado en dous ou tres lugares da parroquia, consigue facer que se presenten un día laborable, oitenta propietarios particulares colocados en cada unha das súas propiedades para levantar un acta en unha das parcelas comunais a deslindar, e que outro día estean dispostos a ir o xulgado de primeira instancia correspondente a acreditar esas actas e outros trámites no xurado provincial.

Non!, señores lexisladores. A realidade actual do rural galego, referente a este procedemento, non permite con esa lei a súa execución. Cando se lexisla sen ter en conta a realidade na que vive nun pobo, só cabe unha posibilidade: que sexa inviable a súa aplicación e, polo tanto, non sirva para nada.

O normal, o viable, sería que despois do traballo rigoroso recollido na memoria técnica e xurídica presentada pola comunidade na administración en tempo e forma, así como o realizado no campo con veciños e propietarios visualizando e topografiando muros, marcos e camiños con centos de anos que limitan claramente o comunal do particular (28 particulares desde a desamortización de Mendizábal). O lóxico sería que ademais de informar favorablemente a pro posta de deslinde, como ben recolle o DOG, habilitáranse fórmulas para que técnicos da propia Administración ou notarios fixeran posible oficializar o deslinde solicitado.

Acaso a Administración non fai iso cando se trata dos seus proxectos?

E unha mágoa que non poidamos avanzar no desenvolvemento destes proxectos, tal vez esa sexa a intención da lei, facer que todo siga igual, así non se crean novas conciencias contra as usurpacións comunais e deixamos o terreo abandonado para xustificar a necesidade de entregarllo os de sempre, os caciques poderosos e o lume.