¡Depende!... Depende de se un é unha persoa con mobilidade reducida nos membros inferiores. En agosto pasei 15 días na cidade e os desprazamentos na empresa de transporte público de viaxeiros (Vitrasa) foron un calvario.

A meirande parte das plataformas dos autobuses non se inclinaban, e tamén non funcionaban as ramplas para cadeiras de rodas. A resposta dos condutores, en xeral insensibles ao problema de mobilidade dos discapacitados, foi sempre que agardara polo seguinte. Pero alén do retraso que iso supón, non hai garantía ningunha de que ao seguinte ómnibus lle funcionen os sistemas de acceso. Ademais, algúns condutores negáronse a facer o "esforzo" de premer o botón que inclina a plataforma porque presupoñen que, "pola pinta", un non sofre unha discapacidade. É curioso, porque o que a unha xunta de valoración de discapacidades suponlle unha detallada historia clínica e a análise pormenorizada dunha batería de probas complementarias, a un chofer de Vitrasa chégalle cunha ollada por riba. Suficiente para impoñer o seu criterio, ignorando a solicitude do aspirante a viaxeiro.

Porén, tal vez, o máis incomprensible sexa que o plan de humanización das rúas de Vigo, xa implementado en varias parroquias e barrios, como Coia e As Travesas, executouse cunha elevación dos bordos das beirarrúas de tan só uns 5 cm (agás, que eu saiba, en Policarpo Sanz e García Barbón, onde terán sobre 15 cm). Ese feito supón que anque as plataformas dos autobuses (cuxa altura será de 30 cm contando dende o chan), inclináranse de xeito correcto (calculo que o fan como máximo 10 cm), ficaría unha elevación duns 20 cm. Se a eses 20 cm lle descontamos os 5 cm do bordo, inda restan 15 cm de desnivel para superar. ¡Unha barreira infranqueábel para moita xente!, sobre todo se padece algunha doenza nos xeonllos, que é a articulación do ser humano que máis patoloxía xera. Inda por riba, con ese desnivel de 15 cm, a pendente das ramplas (que ao despregarse apoian no bordo da beirarrúa) é demasiado inclinada para que un discapacitado en cadeira de rodas poda acceder por si só, sen precisar que alguén o empuxe, ao autobús. En consecuencia, os bordos das beirarrúas deberían medir 15 cm ou máis, de maneira que o desnivel a superar por unha persoa con mobilidade reducida que necesite viaxar no transporte público non sexa superior aos 3-4 cm (o ideal é que ámbolos dous bordos fiquen ao mesmo nivel). Por suposto, nos lugares de paso dos peóns dunha rúa a outra (semáforos, pasos de cebra, esquinas das beirarrúas, etcétera) a altura do bordo ten que rebaixarse a 0 cm.

Outra deficiencia do plan de humanización radica no apartado que se fixo en certas paradas para que se meta o autobús, e así non estorbe ao tráfico. Porque moitos choferes, por economía de esforzo, non se achegan até o bordo e paran a 80 cm ou 100 cm del, o cal obriga ao usuario a ter que baixalo perdendo a vantaxe da redución de altura que aquel aporta, motivo polo que vese na obriga de subir un chanzo de polo menos 20 cm para poder entrar no bus.

Se Vigo non emenda, nun prazo razoábel, estas deficiencias que estou a comentar (funcionamento correcto en todos os autobuses do sistema de inclinación das plataformas e de saída e recollida das ramplas de acceso, educación e sensibilización de todos os condutores nas necesidades de mobilidade e autonomía das persoas con discapacidade, altura adecuada dos bordos das beirarrúas, e creación dun carril bus en substitución dos afastados das paradas), para cumprir co mandato da Lei 51/2003, de igualdade de oportunidades, non discriminación e accesibilidade universal das persoas con discapacidade, ademais de permanecer na ilegalidade, situarase no vagón de cola dos concellos europeos en materia de accesibilidade. Algo que os vigueses, nin aqueles que visitan a cidade, merecen.