Cando aínda era unha nena, cursando 8º de EXB, leváronnos de excursión ao Museo de Pontevedra, onde un guía, que me pareceu un auténtico romo petulante, díxonos que nós non descendíamos dos celtas, senón dos castrexos, dito isto con certo desprezo, o que fixo que me sentira abafallada. Non sei se descendemos de celtas, de castrexos, ou de celtas castrexos, pero o certo é que os nosos devanceiros xa comerciaban con gregos e fenicios pola riqueza mineral da Gallaecia, e aí están os achados de Caldelas de Tui para corroboralo. Os romanos viñeron atraídos por esas riquezas, non para agasallarnos coa súa cultura, pois aquí xa tiñamos unha, non sei se mellor ou peor, pero desde logo, os romanos trouxéronnos o sometemento pola violencia, a escravitude, a explotación do home polo home, e a corrupción institucional, que mesmo chegaron ata os nosos días. Os romanos tampouco eran descoñecidos para os "castrexos" que xa combateran contra eles como mercenarios doutros exércitos. Toda esta "confusión" coido que é deliberada, e posiblemente resultado da depuración levada a cabo no sistema educativo polo franquismo, asasinando, exiliando ou expulsando das súas prazas aos "desafectos" e poñendo no seu lugar aos hooligans do réxime, con excepcións que confirman a regra. Por fortuna van aparecendo novas investigacións que divulgan ó modo de vida dos nosos antepasados, persoas avanzadas como amosan, só por citar algúns exemplos, o dominio da metalurxia, a existencia de saunas nas citanias, e xa na Idade Media, o comercio do viño do Ribeiro con Inglaterra, e mesmo o de pedra con Oriente; de aí pode proceder a lenda de que Santiago chegou nunha barca de pedra; a barca non era de pedra, obviamente; era de madeira, e transportaba pedra; que trouxera as reliquias de Santiago, ou doutro personaxe ilustre, xa é outra historia. De seguro é que houbo unha Gallaecia antes dos romanos, unha Galicia ata o sometemento á Castela polos Reis Católicos, e que tras unha longa noite de pedra, unha Galicia que espertaba do seu sono, voltou a cuarto obscuro despois do Golpe do 36. Sermos diferentes é un orgullo, e negar a evidencia parece de paiolos. E senón que lle pregunten ao señor Rajoy, pois como el mesmo dí, a contestación terá que ser á galega, porque non podería ser á rioxana. Pódese dicir máis alto pero non máis claro.