O 30 de xullo, ás 18.00, no transcurso dunha concentración convocada pola oposición ao goberno lexítimo de Venezuela, tivo lugar un acto de agresión a un artista que tiña o permiso regulamentario para comezar á mesma hora. Despois de agardar pacificamente os 15 minutos que supostamente duraría a concentración, e animado polo público que se citou alí para presenciar a súa actuación, comezou con esta, sendo increpado, e obrigado a interromper constantemente o seu traballo. Tras tres cuartos de hora, intentouno de novo, pero o grupo de alborotadores, a voz en grito, rodeouno e pegoulle patadas nas pernas, conminándoo a que marchara, todo iso diante da policía que aplacou os ánimos con moita tibieza cara aos violentos que impedían ao artista desenvolver o seu traballo.

O día 25, nunha manifestación convocada pacificamente por Agabo (Asociación galego-bolivariana "Hugo Chávez") para defender o dereito do goberno de Venezuela a convocar eleccións, os mesmos grupos, sen permiso oficial de concentración e vulnerando o dereito fundamental de expresión, insultaron aos que estaban na Praza do Toral, creando momentos de tensión que provocaron a intervención da policía. En ningún momento foron identificados.

Estes grupos incontrolados demostraron o seu carácter violento, capaz de agredir fisicamente a calquera persoaque se opoña aos seus intereses, nunha cidade ateigada de xente que acudía aos eventos programados polas festas de Santiago de Compostela.