Finaliza o curso escolar, e un ano máis, a educación pública sobrevive... E é que pasan os anos, as décadas, sucédense os Gobernos, e a educación segue sendo a grave asignatura pendente do noso país. Non hai ninguna tentativa de reforma que implique unha aportación presupuestaria acorde coa importancia que ten, xa que é a base para o progreso dun país. Todo o contrario, recúrtanse gastos, equiparándoos aos de áreas non prioritarias; e propícianse situacións de deficiencia coas que se atenta contra a calidade da ensinanza e o ánimo dos profesores. E é que os profes teñen que reinventarse, reconvertirse, multiplicarse e transformarse para atender aos pequenos nunhas condicións realmente duras, esixentes e complexas, e que moitas veces trascenden o meramente educativo.

Quero sinceramente loubar o labor destes profesionais, que son moi poucas veces recoñecidos, e que están formando aos nosos fillos e sentando os seus alicerces como persoas. Pertenzo a unha comunidade educativa relativamente pequena, un colexio público, o "CEIP Mestres Goldar", e son nai dun neno con TEA (Trastorno do Espectro Autista), do que me sinto realmente orgullosa. É un neno feliz, a pesares deste sistema formulado polos gobernos, que non favorece para nada que poidan ser atendidos como realmente necesitan... Un sistema que prioriza números sobre persoas (neste caso nenos), que contabiliza as necesidades educativas especiais polo número de certificados de discapacidade existentes, é inxusto e discriminatorio. Así, no noso centro, o equipo de orientación compártese con outro cole, porque "non existe a necesidade de dedicación completa" (como non hai "x" certificados...). Estou convencida de que a educación sobrevive grazas aos profesionais, aos mestres, que exercen a súa actividade moitas veces en condicións adversas, e que loitan a diario polo ben dos nenos. Quero dar as grazas de corazón a todos eles polo seu esforzo, que moitas veces trascende o profesional e chega a converterse nun compromiso persoal... A Rosa, Noelia e Ana, un equipo de orientación sobresaínte, que se multiplica para chegar a todos os rapaces que o necesitan; a Belén, Antonio e María, un equipo directivo implicado e preocupado, a todos os profes especialistas e o resto dos titores, que se teñen que reinventar, autoformar e buscar solucións para tapar os fallos do sistema; e sobre todo e moi especialmente a M.ª José, unha profe con maiúsculas, pola súa dedicación sen límite, por todas esas xuntanzas, correos, notas na axenda, polas súas noites de insomnio e as súas bágoas, ás veces de impotencia e outras de felicidade e orgullo. Grazas de corazón, e noraboa porque o voso esforzo si ten a mellor recompensa.