Na miña viaxe como mestra por diferentes planetas, desembarquei fai tres anos no planeta Carlos Casares de Vilariño, un lugar cálido e acolledor no que me sentín moi a gusto e querida dende o primeiro día. Neste fermoso planeta fun feliz compartindo día día a especial forma de vida dos seus habitantes.

Enseguida descubrín que entre os libros da súa fermosa biblioteca viven unhas marabillosas galiñas azuis que acompañan e cuidan aos máis pequenos do planeta cando van alí na procura de historias incribles.

Os habitantes deste planeta son grandes cociñeiros e aliméntanse de forma positiva. Preparan almorzos saudables e ademáis os indíxenas máis pequenos póñenlle pilas aos seus bocatas! Gustan de comer san pero de cando en vez tamén hai tempo para chocolate, rosquillas, biscoitos, empanada, galletas, pizza, choripán e un caldo exquisito, o mellor caldo da vida!

Aprendín cousas sorprendentes dunha tribu amiga, os Mangala, os mellores contadores de historias do mundo que adoitan saudarse cun forte Olo!

Tiven a sorte de coñecer a persoas moi importantes para este planeta, os seus padriños e madriñas. En ocasións especiais veñen a visitalos e o planeta vístese de festa para recibilos e escoitar as interesantes historias que escriben nunha das linguas máis fermosas que coñezo e á que chaman lingua galega.

Ademais no Carlos Casares os gatos non cazan ratos, aquí os gatos son poetas e escriben poesía, non por obriga, senón porque lles peta.

Aínda que me encantaría instalarme definitivamente neste planeta, a miña viaxe ten que continuar e teño que deixalo atrás para descubrir novos mundos. Non podo evitar sentir moita tristura na miña partida, non esquecerei nunca ao "Carlos Casares" e aos seus habitantes. Grazas a todos e todas polo apoio, por tanto cariño, polo respeto, polas risas, polas bágoas compartidas, polos ánimos nas duras despedidas da vida pero tamén pola alegría nos momentos doces da mesma e, como non, polas "piruetas" no tatami!

Non sei se a vida me traerá de novo a este fermoso lugar, pero antes de marchar quero pedirvos algo, coidade moito do voso planeta, seguide a mimalo e a protexelo, son os vosos coidados e as vosas atencións os que fan que sexa un planeta especial, único e diferente a todos os demais. ¡Quérovos!