cartas al director

Día do Medio Ambiente: celebrando o exceso

12.06.2017 | 03:45

No que toca ao medio ambiente, as actuais políticas crecentistas só poden celebrar EcoFashion Shows. Desfiles de moda para vernizar de verde á Consellería de Medio Ambiente e á Sogama e arrecender o ar ferrolán do fedor dun saneamento da ría escurantista e caloteiro. Das tres R, biblia do credo ecoloxista, Reduzir, Reutilizar e Reciclar, ninguén parece lembrar que teñan unha orde de prioridade. Reduzir é o esencial porque minimiza a pegada de cadaquén no ecosistema e porque consumir en exceso rouba felicidade e tempo. Reutilizar tralo consumo deixa menos pegada ca Reciclar que sempre ha ser o derradeiro R. O lema da campaña, "Oportunidades Galicia: separemos ben, reciclemos mellor" céntrase na consabida receta de lle amosar ás xentes, ano tras ano, como arredar o lixo e depositalo nos catro contedores. Mais ese nível tan elemental xa dominan as crianzas. Chamarlle a iso concienciar da xestión dos residuos municipais é unha aldraxe á cidadanía. E fai acalmar as conciencias consumistas sen pasar polas outras R prioritarias.

Queridísimos gobernantes, todos sabemos separar e depositar. Mais iso non asegura que todos o fagamos. O primeiro que non xestiona axeitadamente os residuos, e os máis contaminantes, que son os industriais, son as propias empresas en connivencia cos governos que llelo consenten. A ría de Ferrol recebe gratuitamente residuos industriais e humanos que non sabemos cómo van ser tratados nesa estación depuradora privatizada e nese entramado de tanques de tormentas obsoletos desde o ponto de vista ecolóxico.

Por outra banda, a xestión dos residuos de Sogama é tan transparente como a súa recollida e transporte. A Consellería de Educación, do Mar, de Medio Ambiente cando mellor política ambiental fan é cando non fan ren. O comercio das grandes superficies potencia o despilfarro planetario abrindo o mercado de produtos non locais coa pegada ecolóxica e explotadora que iso conleva, cos parabéns de todos os governos ecofashion. Só as toalliñas de WC están causando unha catástrofe silenciosa no saneamento dos mares. A contaminación que arrastra o negocio do "aseo" é un tabú que nengunha campaña de educación ambiental quere asumir. A teima por empregar sobreembalaxes e plásticos está criando un continente de plástico no océano.

Cada ano o Día do Exceso da Terra é mais temperán. Cada vez esgotamos máis cedo os recursos da Terra para o ano. De tal xeito que de seguires con este ritmo de consumo, necesitaremos 1,6 planetas como a Terra para satisfazer as nosas demandas.

Perante esta situación abraiante os gobernos danse a comemoracións ridículas que só espellan a falla de políticas ecolóxicas serias nos seus programas. E aí están todos os partidos da esquerda á dereita do arco electoral.

Ollando o panorama político, somentes há dous partidos que se declaren abertamente decrescentistas: O Partido da Terra e LiGanDo.

Moita é a xente que coidará que o decrescentismo empobrecerá a sua vida e lle roubará tempo libre ou de lecer. Porén é o crescentismo coa sua compulsión por producir en exceso e fomentar o consumismo o que nos enreda nunha vida de escravos que viven para traballar e traballan para consumir infinidade de cousas superfluas. Persoas que tardan máis en se desprazar a impartir unha docencia do que dura esta.

Kim Payne fala dos catro excesos da educación moderna: demasiadas cousas, demasiadas opcións, demasiada información e demasiada velocidade. Os catro excesos son potenciados por un sistema que se centra en engrosar o Capital duns poucos coa depredación dos recursos enerxéticos, minerais... planetarios. De este sistema económico depredador é do que temos que falar no día do medio ambiente.

Precisamente a Rede Galega de Decrescemento organiza unha charla aberta o vindeiro 14 de xuño no Ateneo Ferrolán. Así que mentres os persoeiros da política e a cultura oficial andan a montar shows verdes e os educadores ambientais seguen no paro, temos que ser a comunidade autoorganizada quen mude o xeito de vivir e transite cara outro mundo mais respetuoso coa vida, relocalizando coa economía de proximidade, recuperando os saberes tradicionais, educando nos valores cooperativos e tecendo as redes comunitarias. E seremos mais felizes porque teremos mais tempo de noso a par de nós.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
S.P.
Lo malo del embrollo que ha montado la Xunta con la sede de la fundación...
MANUEL BRAGADO
Vigo contou cun gran teatro en 1832. Foi o que na Princesa inaugurou o rico comerciante Velázquez Moreno...
 

Calendario laboral y escolar 2016/2017

Calendario laboral 2017 en Galicia

Calendario Laboral 2017 en Galicia

Aquí tienes a tú disposición todos los días festivos en  Vigo y en Galicia , así como el Calendario escolar 2016/2017 .

 

Enlaces recomendados: Premios Cine