As aulas hospitalarias son unidades escolares ubicadas nun centro hospitalario coa finalidade de atender as necesidades educativas de nenos e nenas que, polas doenzas que padecen, non poden asistir ó seu centro educativo durante un período máis ou menos longo de tempo. E teñen como obxectivo que dito alumnado reciba a atención educativa que precisa coa maior normalidade posible, diminuíndo ó máximo as consecuencias negativas tanto de nivel educativo como de carácter personal que se poidan derivar da súa hospitalización.

Estas aulas deben de cumprir unhas características imprescindibles: ser abertas e flexibles, contemplar a posibilidade de ausencias do alumnado derivadas das especificidades das súas doenzas, unha atención personalizada, ou contemplar a reincorporación do alumnado cando sexa necesario. Ademais, en moitas ocasións, cando o alumnado recibe a alta hospitalaria hai que manter a chamada "atención domiciliaria" no caso de que ese alumno teña que permanecer no seu domicilio sen poder acudir ó seu centro educativo.

Nesta, chamémoslle, modalidade de ensinanza ten un papel fundamental o profesorado que a importe dadas as características propias do alumnado e a necesidade de empatizar co mesmo. Tamén debe coñecer as doenzas do alumnado para ter en conta as posibles implicacións educativas e, como non, manter contactos cos paIs e nais ou titores legais do seu alumnado.

Unha vez que temos alumnos e mestres, necesitamos espazos e/ou aulas. E precisamente falando de espazos, FARO DE VIGO recollía con data 2 de maio una información sobre a situación actual das aulas hospitalarias do Álvaro Cunqueiro que resulta intolerable e vergoñenta. Resulta que se no Hospital Xeral había dúas aulas hospitalarias, no novo hospital só se deseñou unha aula, sen fiestras exteriores, con baños a douscentos metros e sen enchufes para conectar sete ordenadores e unha pizarra electrónica que permanecen sen utilizar despois de ter inaugurado o hospital hai cáseque vinte meses.

Cómpre instar ás Consellerías de Educación e Sanidade a que rematen con esta situación inasumible e que non ten xustificación posible. A Consellería de Sanidade debía ter proxectadas as aulas hospitalarias cunhas condicións que, previo informe da Inspección Educativa da Consellería de Educación, cumprisen os requisitos mínimos requeridos para o pleno e eficaz desenvolvemento da formación do alumnado que as necesita. Asemesmo, non resulta edificante que material educativo permaneza embalado e sen utilizar despois deste logo período de recortes que vimos sufrindo dende o ano 2008 tanto no eido santitario como no educativo.

Resulta sorprendente que transcurrido un mes dende que se coñeceu a noticia, os responsables das Consellerías de Educación e/ou Sanidade non teñan explicado as causas da situación descrita. Este exercicio de opacidade, insultante nun sistema democrático, resulta descorazonador para as familias daqueles nenos e nenas que deberían "disfrutar" das aulas actualmente pechadas.