Desde fai anos para aquí, e todos os días, estamos a ver espectáculos dantescos nas saídas á palestra de moitos políticos cataláns que se queren converter nos salvadores dunha patria que pensan adquirir en propiedade.

Alá polos anos setenta moitos galegos fomos para aquelas terras marabillosas que producían postos de traballo e que apreciaban moito as mans do norte e en especial das galegas. Eu vivín esa experiencia formando parte dunha morea de mestres que tivemos que ir para alá, porque alí tiñan poucos. Traballamos alí bastantes anos, e sempre me preguntei por qué demontres os cataláns tiñan tanta necesidade de profesores.

Se quero dar unha resposta, ó mellor era porque daquela calquera traballador gañaba alí máis ca un mestre. Dicíame un encofrador: gaño máis eu nunha semana que Vd. nun mes. E non mentía porque me ensinaba a nómina. "La pela es la pela", por algo non se facían mestres os cataláns.

Está claro que os galegos tiñamos vocación... Non se explica outra cousa, mira que ter que ir impartirlle ensino nós aos que se lles notaba un pouco de aires europeos... Chámalle parvos, por pouco diñeiro recibían ensinanza boa, (fora modestias).

Ai Cataluña, ai! Ai políticos cataláns, que buscades poderío ó querer liderar patria con ego! Deixai de mirar tanto ó embigo, despertai o pensamento na procura dunha formación humana que poida axudar a compartir cousas máis amplas. Os irmáns doutras rexións queren estar con vós na convivencia xenerosa. Fostes un fillo malcriado, pois xa o pai dictador vos daba todo para tervos conquistados.

Non poñades máis fronteiras, que xa hai bastantes no mundo. Non voltemos ás murallas, que se están poñendo de moda para darlles as costas ós que están detrás a pasar fame.