Publicou o día 28 deste pasado mes de maio o presidente da Real Academia Galega un pequeno e fermoso artigo co título de "Cazadores de palabras", no que se instaba a recuperar palabras galegas que se nos están esquecendo ou perdendo por moi diversas, complicadas e tamén dolorosas circunstancias. Desde logo que non lle falta razón. Hai xa algún tempo que eu mesmo chamei tamén a atención sobre esta nosa común responsabilidade en relación coa mesma cuestión nunha achega publicada "Palabras náufragas", que se publicou neste xornal o 27 de abril de 2015. Formuleino daquela así porque esas palabras están aínda vivas por máis que estean a punto de afogaren ou de se perderen para sempre. Por iso lles poño tamén agora de cabeceira a estas liñas a de "Socorristas das palabras" e non a de "cazadores" das mesmas. Porque en último termo os "cazadores" arrebátanlles normalmente a vida ás súas pezas antes de se faceren donos delas. Naquelas datas tratábase para min de salvar unha diminuta palabra, "rau!", e coido que formalmente alomenos salvada quedou.

Pois ben, dado que no mencionado artigo do presidente da RAG non se alude (tampouco tiña el por que facelo) ó modo concreto e digamos case "oficial" de cazar tales palabras, quero lembrar aquí ós lectores a existencia dunha feliz e intelixente iniciativa da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) que ten como fin precisamente salvar tales palabras. A ela pódeselle (e ben bo sería que fósemos moitos os que así procedésemos) informar sobre unha supostamente esquecida palabra para que pase a formar parte das chamadas "Palabras con memoria" notificándoa ó seguinte enderezo: palabra.con.memoria@aelg.org.palabra.con.memoria@aelg.org Pola miña parte, teño xa actuado máis dunha vez como gratuíto socorrista dunha boa presa de palabras náufragas. Respecto das palabras "cazadas" polo presidente da RAG sobre as que nos informa no seu artigo só quero indicar brevemente que a palabra "suagar" figura xa no dicionario Estraviz co significado de "nadar sob da água" e que a palabra "virandelo" está xa felizmente recollida tamén nas "Palabras con memoria" ás que acabo de referirme. En canto á palabra "batimbora", só me atrevo a suxerir pola miña parte que quizais estea (non o sei) en relación con "batumbar", palabra esta recollida no Dicionario de dicionarios e tamén no Estraviz co significado de "altercar, porfiar".

Boa saúde á nosa lingua!