É triste ver como desde o departamento de urbanismo do Concello de Moaña lles negan as licenzas de obra a uns e llelas aproban a outros.

Porén, moitos sabemos que a meirande parte dos que alí traballan teñen as obras feitas grazas a que o inspector e o alcalde de turno miraron para outro lado cando lles conveu.

Ante estas circunstancias, a dúbida que a min me xorde é: por que a min me din que se actúo conforme ditaminou a Xunta de Galicia se vai intervir de oficio? Acaso o Concello de Moaña ten máis competencia que a propia Consellería de Infraestruturas e Vivenda? Malia que a pregunta presente unha cuestión bastante complexa, por desgraza a resposta é ben máis sinxela, pois despois dunha longa tempada intentando facer as cousas conforme a lexislación vixente, unicamente chego á conclusión de que no Concello de Moaña a lei varía segundo a quen se lle aplique. O que quero dicir é que, por exemplo (e como é o caso), para conseguir unha simple licenza de obra que xa foi aprobada desde a Xunta, fai falta algo máis.

Se alén disto cren que hai de por medio unha cuestión de voto, agora poden quedar tranquilos, que o meu e o dos meus xa o perderon. E con respecto ós cartos e ó tempo perdido, que non se preocupen, que xa o descontaremos por outra vía.

Tristemente as cousas funcionan así. Mágoa que a min non me quede pena ningunha por non ser o seu amiguiño.