01 de junio de 2017
01.06.2017

De heroínas e heroes esquecidos

13.06.2017 | 04:55

O 26 de maio cumpríronse 72 anos do pasamento de Urania Mella, viguesa culta e comprometida socialmente, filla de Ricardo Mella Cea, un dos teóricos anarquistas máis importantes de España e irmá do enxeñeiro e político socialista Ricardo Mella Serrano. Dende moza adicou a súa vida á defensa dos dereitos das mulleres, ensinando a ler a moitas do barrio de Lavadores, que tentou defender durante o golpe militar de 1936 ao carón do seu home, Humberto Solleiro. Ámbolos dous foron detidos e represaliados: el fusilado e ela enviada á prisión de Saturrarán, antigo balneario ubicado en Mutriku, Euskadi, no que foron represaliadas máis de 2.000 mulleres por seren "extraordinariamente rebeldes e perigosas".

Algunhas eran excombatentes das filas republicanas ou pertencían a grupos republicanos, pero outras foron castigadas polo mero feito de seren nais, fillas ou mulleres de republicanos. Algunhas chegaban grávidas e deixábanas cos seus fillos ata que eran separados dramáticamente; as que protestaban recibían unha malleira, e moitos dos nenos acabaron en hospicios, familias adoptivas, ou mesmo perdéronse os seus rexistros.

O cárcere estaba dirixido por monxas mercedarias, e as condicións de vida no penal eran realmente lamentables. Moitas das reclusas, e moitos cativos, perderon as súas vidas por enfermidades infectocontaxiosas coma o tifo, septicemia ou bronquite. Urania tamén padeceu as condicións infrahumanas do penal que só abandonou un mes antes do seu pasamento. O recoñecemento chegoulle no 2008, da man do Concello de Vigo, dándolle o seu nome a unha rúa. Pero son moitas as represaliadas que seguen no esquecemento, mulleres que loitaron polos seus ideais e foron brutalmente castigadas, fusiladas ou condeadas á prisión, torturadas, expoliadas ou exiliadas. Non deixemos que a súa luz se esvaeza no túnel da ignorancia e o descoñecemento. O mellor tributo que lle podemos brindar é manter na memoria os seus nomes e a súa contribución a unha sociedade mellor, máis libre e igualitaria, lonxe do totalitarismo e do fascismo que despois asolou Europa.

Para todos aqueles que non queiran perder a memoria, recoméndolle encarecidamente o documental "Prohibido recordar" que recolle as testemuñas de Alicia e Conchita, fillas de Urania, e outros como "A pegada dos avós", no que se dignifica a figura de Amada García, fusilada no castelo de San Felipe de Ferrol, aos tres meses de ter ao seu fillo Gabriel no cárcere, ou o "Memorial de Camposancos" no que se rememoran aos fusilados en A Sangriña (A Guarda), ou mesmo "Aillados", sobre os presos en San Simón, entre os que se atopaba o xornalista e escritor Lustres Rivas, asasinado na Concheira (Redondela).

Que o seu sacrificio non sexa baldío e o seu recordo sirva de exemplo a unha sociedade máis xusta e igualitaria, pois o pobo que esquece os seus erros, está condeado a repetilos.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
S.P.
Lo malo del embrollo que ha montado la Xunta con la sede de la fundación...
MANUEL BRAGADO
Vigo contou cun gran teatro en 1832. Foi o que na Princesa inaugurou o rico comerciante Velázquez Moreno...
 

Calendario laboral y escolar 2016/2017

Calendario laboral 2017 en Galicia

Calendario Laboral 2017 en Galicia

Aquí tienes a tú disposición todos los días festivos en  Vigo y en Galicia , así como el Calendario escolar 2016/2017 .

 

Enlaces recomendados: Premios Cine