O pasado día 26 de maio reuníamos no Auditorio do Concello de Vigo xentes do mundo do ensino (mestres, profesorado, nais e pais das ANPA...) xunto con representantes de diversos eidos (político, sindical, cultural, ONG, movementos asociativos, etc.) para celebrar o 25 aniversario do nacemento da Federación Olívica de Asociacións de Nais e Pais de Vigo e a súa bisbarra (FOANPAS), nun acto que contou na súa inauguración coa presenza do Alcalde e da Concellería de Educación do Concello de Vigo e sen representación da Consellería de Cultura, Educación e O. Universitaria.

FOANPAS nace no curso 1991-92 nun contexto educativo muy definido en tanto que a nivel estatal acaba de ser aprobada a LOGSE e comenza a súa progresiva implantación, mentras, a nivel local, o Concello, a través do seu concelleiro Xulio Calviño, está na procura da creación do que será o Consello Escolar Municipal de Vigo (CEMV).

Ten dito o pensador Edgar Morin que moitas veces sacrificando o esencial polo urxente, rematamos esquecendo a urxencia do esencial. Por iso, a federación sempre tivo como obxectivo primordial ou esencial a defensa do ensino público. Na primeira etapa da súa andaina plantexa tamén: a súa preocupación pola mellora da calidade educativa, a potenciación das actividades extraescolares, a mellora das instalacións deportivas dos centros educativos, a mellora da formación de nais e pais, a representatividade das familias nos centros educativos e defendendo a colaboración coas institucións que derivará na sinatura dun convenio de colaboración co Concello de Vigo, convenios que se prorrogarán ó longo do tempo.

Co tempo as reivindicacións irían cambiando e diversificándose: mellora do transporte escolar, comedores escolares, melloras na oferta educativa da cidade (máis bacharelatos, programas de garantía social, Imaxe e Son, etc.), Aulas Hospitalarias (por certo, sen funcionar logo de 15 meses no Álvaro Cunqueiro), mellora na atención a alumnado NEAE, aulas matinais para a conciliación laboral, familiar e escolar, ou a colaboración e aposta por diversos programas educativos (educación en valores, educación non sexista, loita contra o acoso escolar, educación pola paz, ou, entre outros, "Aprender a Convivir" planificado e desenvolvido polo inesquecible Suso Jares).

En definitiva, FOANPAS representou, representa e, estamos seguros que seguirá a representar no futuro capacidade de diálogo, de mobilización, de coordinación, de formación, de reivindicación e de interlocución coas institucións responsables da xestión e da política educativa.

As e os que polo noso traballo no ensino público coñecemos a traxectoria de FOANPAS, temos claro que representa un luxo e un referente. E, posiblemente, esa foi unha das razóns polas que a cidade de Vigo a través do seu Concello lle otorgou a distinción de Vigués Distinguido. E somos moitos os que consideramos que xa é hora de que a Xunta de Galicia, a proposta da Consellería de Educación, faga explícito o recoñecemento do traballo realizado por FOANPAS a prol do sistema educativo galego durante todos estes anos.

Quixera rematar facendo un chamamento para que se recolla nunha publicación o importantísimo labor que FOANPAS ten realizado, desexando que os vindeiros 25 sexan, se cabe, máis fructíferos.