Inflúen en Casares as tertulias familiares como sucedía na rebotica de Cunqueiro. Estaba fascinado polo estamento eclesiástico como deixará plasmado en I lustrísima.

Aposta por escribir nunha lingua comunicable. Prefería ventás transparentes a vidrieiras.

Sofre moito no Seminario. Contexto que aproveitará anos máis tarde para Xoguetes para un tempo prohibido. Un ambiente moi disciplinario do que sae escaldado. Racha entón coa Igrexa.

No 62 chega á Universidade. Non lle gustaba falar desta etapa. Pasou crises depresivas, como se aprecia no seu epistolario con Piñeiro. Estivo a tratamento médico. Pola crise de fe, o desencanto cunha universidade rancia e franquista, os primeiros pasos dunha vida sexual?

Participou nas Festas Minervais, certame poético no que un ano queda o terceiro e outro o segundo. Tiña rivais da calidade de Salvador García Bodaño e Arcadio López-Casanova.

Hai dous anos paradigmáticos de Casares en Compostela. No 63 se celebra por vez primeira o Día das Letras Galegas, crease a Fundación Penzol e sae á luz a Revista Grial. Comeza así o seu activismo estudiantil en prol do galeguismo. Os outros fitos son no 67. A conferencia do profesor Aranguren, expulsado da súa cátedra polo franquismo, remata como o rosario da aurora.Acaban ambos no caldeiro. Tamén se organizou o concerto de Raimon, mito da canción protesta, que se converteu nun acto de masas. García Bodaño e Casares traduciron as letras ó galego. Como colofón, publica Vento ferido, que causou moita expectación. Un acto de resistencia.

Renegaba de Cambio en tres, novela experimental na que xoga con caligramas. Parece unha demostración de que non era un escritor rompedor porque non quería selo.

Con A galiña azul e As laranxas máis laranxas de todas as laranxas aposta polo eido da literatura infantil. Implícase nesta tarefa a que retornará nos noventa coa serie de Toribio.

Aproba as oposicións no 74 e todo irá a un ritmo máis acelerado. Nunha sociedade xerontocrática conseguiu chegar axiña a postos de gran responsabilidade.

Os escuros soños de Clío xoga co apócrifo. Inaugura o "boom" da novela histórica que logo continúan Víctor Freixanes e Alfredo Conde. Coa literatura se podía contar a nosa historia.

Influido por Camus as tres seguintes novelas versarán sobre a intolerancia. Ilustrísima incide na comunicabilidade. Os mortos daquel verán lembra o drama da Guerra Civil. "Intúe por onde virán os tiros na memoria histórica". Deus sentado nun sillón azul deixoullo revisar a Dolores e a Monteagudo. Ela decatouse que había unha pasaxe na que uns zapatos de goma resoaban nas laxes dunha rúa con soportais. "Un apunte de raccord". El mudouno. Cando Henrique quería facer permutas filolóxicas, trocar sombreiro por chapeu, Casares mostrouse inflexible.

No 2000 é un dos escritores seleccionados para subirse ó Expreso da Literatura.Cen autores e sete mil kilómetros por Europa adiante. Un fetichista dos trens. Tanto que tiña unha enorme maqueta no galpón da súa casa. Coincidiu alá coa escritora portuguesa Inés Pedrosa que tivo unha ocorrencia. Todos debían escoller cal sería o seu epitafio. O de Carlos é ben vitalista: "Aquí xace alguén que nunca quixo morrer, que tivo a sorte de nacer home e non Deus".

Entregou unha mañá as notas correxidas de O sol do verán e morreu de madrugada. "É un oasis de felicidade. Unha obra estival e gozosa". Apreciase unha sensibilidade especial para darlle un maior peso ás mulleres. Tiña un radar para aproximarse o que precisaban os tempos.