Vense de inaugurar unha flamante sala de estudo no edificio do Mar de Vigo. Unha sala enorme con moitas mesas e cadeiras que en ningún modo pode ser, como veñen dicindo algúns medios de comunicación, mesmo algúns responsables políticos, unha biblioteca. Unha sala con mesas e cadeiras pode chegar a ser unha sala de estudo, un comedor, unha cafetaría... pero nunca unha biblioteca. Nin siquera unha sala de lectura das que ultimamente inaugura este concello é unha biblioteca. Para que o sexa necesita libros, en calquera formato, e, sobre todo, necesita persoal bibliotecario.

Persoal que seleccione fontes de información, libros, revistas, en función das necesidades das persoas que as van usar, que manteña unha colección coherente e útil, que recomende lecturas, axude a atopar información, axude na redacción de traballos e curricula e organice outras actividades culturais e de animación á lectura, acordes ás idades e aos intereses das persoas da súa contorna. En Vigo só hai dúas bibliotecas públicas: a Central de Vigo (xestionada pola Xunta) e a Neira Vilas do Calvario (xestionada polo Concello); e paremos de contar, porque non hai máis.

E non parece que vaia medrar o número. O Concello de Vigo decidíu transformar o proxecto da que ía ser biblioteca pública de Bouzas, na casa do Patín, por unha sala de lectura cun único funcionario/a que o mesmo informará de obras nas rúas que recollerá escritos para o concello, que prestará, supoño, libros. Pero esa persoa non ha facer todas aquelas tarefas que permiten que unha sala con libros sexa unha biblioteca, e que tan ben coñece a veciñanza do Calvario e a do centro. Mais o pobo de Bouzas fica sen biblioteca pública.

As bibliotecas son un elemento fundamental de cohesión social e cultural que permiten que todas as persoas, independentemente da súa situación económica ou laboral, poidan acceder á lectura e á cultura. As bibliotecas dinamizan o barrio, éncheno de contido cultural e proporcionan un lecer alternativo e san para a xuventude e un lugar de encontro para crianzas e adultos. Son un piar da tan necesaria ruptura da fenda cultural, que este concello non está a ter en conta cando inviste en salas de lectura e salas de estudo no canto de bibliotecas. Xustifican a decisión nas necesidades da poboación e acomodan os orzamentos ao recorte cultural que sufre a nosa sociedade, no canto de tentar poñerlle freo dende as institucións que teñen capacidade para facelo.

Pero ademais, que Vigo demande unha sala de estudo amosa o fracaso do sistema educativo. Rapaces e rapazas que dende terceiro de primaria engulen nomes, cifras e datos, primeiro dende libros de texto e despois dende apuntes que o profesorado lles dita ou lles deixa nas fotocopiadoras. Que Vigo acade salas de estudo non é un éxito, senón un fracaso da sociedade. Que o profesorado universitario (mesmo dende o propio Concello) aplauda a apertura dunha sala que só contén mesas e cadeiras, sen unha reflexión fonda sobre o que estamos a facer co noso sistema educativo, é, cando menos, preocupante.