O pasado luns 18 de abril deixounos D. Ricardo García, e facendo unha volta atrás decatámonos do moito que fixo por Tui e en especial polo seu ben querido santuario de San Xiao do monte Aloia.

Ó longo destes últimos 25 anos, D. Ricardo tivo moitos cargos, foi canónigo da santa catedral de Tui e tamén foi a persoa encargada do santuario. Grazas a el o Aloia tivo un lugar onde moitos veciños e foraneos puideron e poden disfrutar deste espazo. Xa que foi o precursor da restauración do albergue, da capela e dos diferentes galpóns.

No albergue foron moitos rapaces que disfrutaron de noites estreladas durante os campamentos de verán, moitas familias que disfrutaron duns días de lecer. Coa capela restaurada chegáronse a celebrar varias vodas, e multitude de ceremonias relixiosas. Nos galpóns moitos veciños poden disfrutar hoxe en día do monte Aloia todo o ano.

Pero D. Ricardo era un home que sempre tiña palabras de ánimo para todos, pero sobre todo sabía escoitar. Durante todo este tempo que tiven a sorte de poder tratar con el, sempre acougou os nosos problemas e axudou en todo o que puido.

Con estas humildes palabras quero agradecer todo o que fixo e fará porque alá, no máis alto, sabemos que coidará de Tui e do seu amado Aloia. Botarémolo de menos.