Deixando ó lado a autoestrada camiño de Portugal baixa o pai Miño paseniño atravesando matos e leiras dende Tui ata A Guarda. Fai o linde compartido co noso irmán Portugal. Vai regalando ribeiras ós pobos que ve ó pasar e pérdese no inmenso mar con beleza sen igual.

Os que vivimos nesta exposición permanente deste gran cadro natural temos un privilexio que é digno resaltar. Pero tamén queremos que nos veñan a visitar para que poidan aprezar esto e queiran pronto voltar. O problema é que ó sair da autoestrada empeza o calvario pola comarcal. Son vinte e seis quilómetros de curvas e limitacións que ten sumado moitas perdas de vidas; eso si, énchense as bolsas das arcas fiscais coas multas pola estratexia do trazado.

Fai máis de medio século xa estaba prevista a autoestrada do atlántico que entraba en Portugal pola zona de Forcadela. Os poderes fácticos desviárona por Tui, e desde entón seguimos así. No 2014 inaugúrase unha vía de Goián a A Guarda de 12 quilómetros. Esta obra pouco veu a solucionar. Porque os enxeñeiros de camiños moitas veces fan honra ó nome, pois ás veces máis ben parece que delinean camiños en vez de estradas... Tén a velocidade de 100/h, pero é mentira, porque o non haber carril de lentos en pouco tramo se pode adiantar sen perigo e a cousa queda en 50 de media moitas veces. Tan difícil sería deixar un par de carriles deses polo menos nas subidas? Sitio había!

Pasaron moitos anos que se fixo polémica á hora de buscar trazados: se polo monte, se polo río?, se polo aire! Por algún sitio hai que facela. Parece ser que está aprobado un dos trazados, pero a cousa segue olvidada. Agora a desculpa vai ser a falta de presuposto, como sempre. Ó mellor a culpa é nosa; temos o que merecemos. Non practicamos o noso dito: "o que non chora non mama". Estamos a dividirnos en vez de unirnos e pedir que se faga xa. Aínda que a alguén non lle cumpra con todos os seus intereses, a comunidade gañaría moito no ben de todos.

Estamos a ver obras noutros sitios que son menos necesarias que esta, e váisenos o diñerio para elas; eses si saben pedir. Temos que reclamarlle a Administración, porque perdeu toda sensibilidade con esta comarca. Quero facer unha chamada aos que teñan máis responsabilidades para que se movan e xestionen con eficacia. É unha mágoa que a Administración por si mesma non faga nada. Non hai dereito, pois non se preocupan por unha obra que, por ser tan necesaria e xusta, debe ter unha execución prioritaria e polo mesmo urxente.