Según contaba "A Nosa Terra" do 25 de decembro de 1918 máis de 200 mulleres formaban parte da Irmandade da Fala da Coruña: Elvira Bao, María Miramontes, Micaela Cao (que participou no acto fundacional), Genoveva Casal... Son as mulleres que traballan na creación da Escola de Ensino galego, nos grupos de teatro das Irmandades, as que formarán a Agrupación Republicana Feminina, que se constituiu na Coruña o 13 de abril de 1933, na que resaltan tamén Amparo López, María Barbeito...

Mulleres comprometidas coa igualdade de dereitos, co acceso da muller á cultura, coa súa dignificación... E que constituíron no seo das Irmandades unha Sección Feminina, na que destacaron Pura Lorenzana, Corona Glez., Xosefa Vázquez, Ermitas López, Tereixa Chao, María Balboa, Rosa Martínez, Avelina Fdez., Teresa Fdez., Avelina Sardina, Helena Carro... Entendían que a pobreza non se resolvía coa caridade, senón con medidas políticas e sociais. A meirande parte delas son mulleres das cidades, instruídas e con inquietudes culturais: mestras, xornalistas,... Porén tamén había casos como o de María Miramontes, filla de xornaleiros, que era costureira. As Irmandades da Fala recolleron dende o principio os postulados en defensa dos dereitos da muller, un dos seus moitos acertos.

Unha das máis coñecidas foi María Miramontes, que participou dende moi nova no activismo sindical e político xa antes de coñecer a Ánxel Casal, co que casaría. Traballou como animadora e impulsora das Escolas de Insiño Galego, inspiradas nos principios da Institución Libre de Enseñanza. E colaborou na campaña a favor do Estatuto de Autonomía. Tras o asasinato de Ánxel Casal, o seu compañeiro, ao inicio da Guerra Civil, embarcou na Coruña rumbo a Buenos Aires ese mesmo ano.

Alí traballou de modista e casou cun curmán, mantendo os contactos co exilio galego e con Luis Seoane, un dos seus máis destacados membros. Finou no Sanatorio do Centro Galego de Buenos Aires. No ano 2007 o Concello de Santiago púxolle o seu nome a unha rúa. Este pequeno artigo de divulgación é unha pequena homenaxe a elas e a todas as mulleres comprometidas con Galicia e co seu idioma propio, ben dun xeito público e notorio, ben dun xeito máis discreto. Todas elas fixeon e fan a súa aportación directa e indirectamente (encargándose desas cousas que con frecuencia relegamos e sen as que todo se desmorona).