Xa van pasando moitos anos de que alá polos oitenta, máis ou menos, chegounos a peste da heroína, da coca e outros estupefacientes máis que foron segando a flor da vida dunha porcentaxe alta da nosa xuventude. Foi, e está a ser, unha perda moi dura para a nosa sociedade. Por se fora pouco o consumo maligno desas substancias, nos últimos anos e de forma alarmante, estase a producir outra clase de consumo que pode ser moi perxudicial tamén sen lugar a dúbida e afectar moi negativamente á saúde social. Estou a falar dos nosos rapaces e xoves que colleron adicción ós xogos no ordenador e o apego ó móbil.

A utilización indebida das tecnoloxías nos aparatos devanditos están a causar danos nos usuarios. Podemos ver con demasiada frecuencia cadros que nos mostran ós rapaces inmersos no móbil, olvidándose das persoas que teñen ó lado. Os xogos tanto no ordenador como no móbil causan unha porcentaxe alta de ludopatía.

As familias están a perder o control dos máis novos e ninguén toma verdadeiramente en serio este problema. Cando se lle queira poñer remedio ó mellor xa é tarde. Di o refrán que "máis vale previr que curar".

Fai pouco un psicólogo famoso explicaba e aconsellaba en concreto que non se lle debía comprar o móbil ós rapaces antes dos catorce anos. Ten habido máis avisos de outros psicólogos e pedagogos, pero estas recomendacións caen en vacío.

Como vemos vanse dando distintas adiccións nos tempos que podemos chamarlle drogas e que persisten facendo cada vez máis dano na nosa xuventude tanto no aspecto físico como no psíquico. Con esto corremos o perigo de chegar cada vez máis a unha sociedade enferma e deshumanizada.

Alguén lle debe poñer solución a este gran problema. As familias, os medios e as institucións teñen moito que facer. É cuestión dunha educación adecuada, e xa desde o berce.

A xuventude é o xérmolo dunha sociedade de progreso e futuro, por iso hai que coidala moito.