Estamos moi acostumados, sobre todo nas asociacións de veciñas e veciños, a ter un catálogo moi amplo de actividades a custo "0" ou cunha pequena achega (uns cinco ou dez euros o primeiro mes) inicial.

Maioritariamente estas actividades están dirixidas á 3ª idade e ás vogalías de muller. Pero outras moitas veces as A.VV. ou as federacións convocan cursos, actividades, etc. nas que os/as participantes pagan unha cota reducida ou son directamente de balde, e que en teoría dispoñen de fondos por convenios, subvencións ou outras formas de financiamento. Pero as veces tamén ocorre que as entidades non pagan a quen realiza a actividade e que as asociacións se botan fora dicindo que elas non son responsables. A culpa sempre é dos políticos e políticas, do Concello, da Deputación ou da Xunta, pero nunca das responsables e os responsables das asociacións ou das federacións supraasociativas. E o peor é que desgraciadamente estamos tan acostumados ó clientelismo de dádeme e eu me quedo caladiño/a que ninguén pensa nas persoas que traballan nesas actividades, persoas que as veces non cobran e que moitas veces traballan durante meses que dura a actividade e cobran ó final da empresa encargada da actividade pola Deputación, Xunta ou Concello. É dicir, traballas durante tres, catro ou seis meses e cobras ó rematar, porque durante eses meses ti non tes que pagar autónomos, a luz, a auga, os recibos, a comida, etc. A ver se nos acostumamos por favor a cumprir co traballo das persoas. Se imos ó cine ou ó fútbol pagamos antes de entrar, se estás contratado/a cobras cada mes, os políticos/as cobran cada mes ¿non? Pois algúns fixemos traballos xa fai máis de dous anos e de tres para a FAVEC de Vigo en A.VV. da nosa cidade e seguimos sen cobrar, e nos da igual se a culpa é do alcalde ou da presidenta da Federación ou da Xunta de Galicia. Nós o que queremos é cobrar dunha vez, porque a nós se nos dixo que había cartos, non que fora a habelos, e desgraciadamente nin políticos nin asociacións dan ningunha solución, pero iso si á xente tivo a súa formación e actividades subvencionadas e/ou gratis. Pero ¿quen paga as actividades gratuitas?