Tanto o PP como o PSOE están utilizando o transporte de viaxeiros metropolitano (TMG) como unha loita mais entre estes dous partidos sen interesarlle para nada os intereses dos veciños da área metropolitana, defendendo cada quen as súas posturas recurrindo á demagoxia e ao populismo.

O PSOE afirma que non é defendíbel que o Concello de Vigo financie a tódalas persoas de fóra da cidade que non collan previamente o transporte metropolitano a través da TMG.

Defende que o Concello de Vigo xa gasta 12 millóns de euros anuais en subvencionar o transporte urbano vigués e que a chegada de usuarios de fóra de Vigo incrementaría ese presuposto de maneira inadmisíbel para o concello.

E pregúntase: por que a administración local ten que asumir unhas competencias impropias que non lle corresponden.

Señor Caballero, cando calquera veciño de Vigo vai a Tenerife, París ou Madrid, a ninguén lle preguntan onde naceu cando saca un bono para o transporte; o único que ten que facer é sacar o bono que máis lle interese dependendo da súa estancia e nº de viaxes; vostede ten que estar ledo de que se utilice a TMG e outros tipos de bonos que se terían que implementar, xa que o aumento de estes significaría unha maior afluencia de xente a Vigo e polo tanto máis ingresos para a cidade; e señor alcalde, non poden esgrimir que xa subvencionan con 12 millóns ao Vitrasa cando reciben máis menos o 10% de estes dos presupostos xerais do estado que aportan tamén os veciños da área metropolitana; como tampouco pode esgrimir a asunción de competencias impropias, xa que vostede noutros eidos as asume sen problema.

En canto ao P.P., non cree nin defende o fomento do transporte público de viaxeiros (bus, barco, tren), úsao como unha ferramenta máis de enfrontamento co alcalde de Vigo. Se realmente apostase polo TMG aumentaría o orzamento para este servizo, tamén dicirlles que unha cousa é facer discursos é outra son as realidades, a realidade é que cos cartos que aportan ao TMG significa que non creen no proxecto.

O triste é que ningunha das dúas partes P.P.-PSOE creen no trasporte público de viaxeiros como alternativa ao uso individualista do automóbil, senón, os deputados dos seus partidos non votarían como votaron a favor da directiva marco de servizos 1370/2007, e ratificada cos votos destes dous partidos no parlamento español, unha lei que na práctica significa a desaparición do 75% das liñas de transporte de viaxeiros na Galiza.

Tampouco creen no TMG cando este é insuficiente, no TMG tiña que estar incluído o tren, as tarxetas de tarifa plana e os aparcadoiros disuasorios que a máis na cidade olívica contan coa vantaxe de non ter que facer infraestruturas ningunha porque xa teñen unha que non se utiliza.

Eu lles pido aos dous que sexan bos e xenerosos, ao P.P. que incremente o orzamento xeral do TMG e proporcionalmente llo reduzan aos concellos, ao señor Caballero que se vexa no espello dos barrios de Teis, e Chapela e do concello de Mos, que son os grandes prexudicados polo progreso de Vigo, os primeiros esmagados pola saída norte da cidade, por dúas vías de tren, dúas estradas e dúas autoestradas, todas na ladeira do monte da Madroa e en apenas dous kilómetros e o segundo esnaquizando o seu medre lóxico para dar saída a Vigo cara Madrid e Portugal a través dunha estrada (e que estrada!), unha autoestrada e un camiño de ferro.

Contra o progreso non podemos poñer pedras nas rodas mais si ser solidarios, e o progreso é, aínda que insuficiente, o TMG.

Polo ven de todos espero que a lóxica venza á demagoxia.